A Xunta e o colexio ‘Galén’ colaboran nun ciclo de charlas con destacados expertos en educación para conmemorar o 25 aniversario do centro
César Bona abriu hoxe o programa, que continuará os días 7 e 29 de maio na sede da Administración autonómica coas conferencias do psicólogo e orientador Antonio Ríos e do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño
Lugo, 27 de abril de 2026
A Xunta colabora co colexio Galén para impulsar un ciclo de charlas que ofrecen dende hoxe en Lugo destacados expertos en educación e desenvolvemento persoal dentro dos actos organizados para conmemorar o 25 aniversario do centro educativo.
O delegado territorial, Javier Arias, asistiu esta tarde á primeira delas, impartida polo profesor, escritor e conferenciante César Bona no auditorio Gustavo Freire. As seguintes serán os días 7 e 29 de maio no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, ambas ás 19,15 horas.
O xoves 7, o psicólogo e orientador Antonio Ríos analizará os desafíos propios da adolescencia. Ríos é especialista en orientación e psicoterapia de familia, parella e adolescentes; e autor de publicacións como o videolibro Adolescente en casa... 5 años de trinchera.
O venres 29 de maio pechará o ciclo o neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño, que falará sobre O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano. Mariño ten unha ampla traxectoria dedicada á difusión do coñecemento científico, recoñecida entre outros co Premio de Divulgación Científica 2026 da Real Academia Galega das Ciencias.
As conferencias son de acceso libre e gratuíto e van dirixidas tanto a profesionais do ensino como a pais, nais, familias e calquera persoa interesada en afondar nos retos actuais da educación.