A cidadanía galega está chamada a doar sangue nas xornadas previas á ponte festiva de maio
A ADOS convida a participar activamente na campaña de doazón que se achegará ata unha trintena de concellos galegos ao longo da presente semana
Precísanse ao redor de 400 doazóns de sangue diarias, con especial fincapé na necesidade de incrementar a participación dos grupos A Positivo, O Positivo e O Negativo
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembra á cidadanía da necesidade de doar sangue nas xornadas previas á ponte festiva do Primeiro de Maio. A Axencia salienta que son precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos pero, especialmente, se reforza o chamamento aos grupos A Positivo, O Positivo e O Negativo.
As datas festivas provocan unha lixeira diminución da participación, repercutindo no estado de reservas dos distintos grupos sanguíneos polo que que a ADOS salienta a importancia de acudir a doar ao longo desta semana xa que, todos os días, os hospitais galegos precisan ao redor de 400 doazóns para facer fronte ao seu labor asistencial.
Ao longo da presente semana será posible doar nos locais de atención permanente ao doador existentes nas sete grandes cidades galegas ou nas unidades móbiles da Axencia que visitarán unha trintena de concellos galegos:
|
DATA |
DESPRAZAMENTOS |
|
Martes 28 de abril |
Ortigueira, Campus A Zapateira e Barrio das Conchiñas (A Coruña), Camelle e Ponte do Porto (Camariñas), Campus Norte (Santiago), Lousame, Campus e Biblioteca Intercentros (Lugo), A Valenzá (Barbadás), A Guarda, ENCE (Pontevedra), Cangas do Morrazo, CUVI (Vigo) e Vilagarcía de Arousa |
|
Mércores 29 de abril |
Campus de Esteiro (Ferrol), Barrio de Xubia (Narón), Campus de Elviña e Novo Mesoiro (A Coruña), Campus Vida e Praza Roja (Santiago), Praza Maior (Lugo), Campus e Barrio O Couto (Ourense), Cangas de Morrazo, Campus e Zona Ferraría (Pontevedra) e OP Mobility (Redondela) |
|
Xoves 30 de abril |
Carballo, Narón, Cantón-Obelisco (A Coruña), Padrón, Área Central (Santiago), Burela, O Barco de Valdeorras, Cambados, Porriño e Barrio Residencial Navia (Vigo) |
|
Sábado 2 de maio |
Carballo, Padrón, Cambados, O Porriño e Sanxenxo |
Labor asistencial
Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe desta intensa actividade asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.