O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu esta mañá a gala de entrega de premios do programa Reimaxina a Ciencia 2026

Gómez Caamaño pon en valor o programa Reimaxina a Ciencia para impulsar o potencial investigador do estudantado galego na loita contra o cancro

O IES Ponte Caldelas alzouse como gañador autonómico co proxecto Caldelartix

O IES Johan Carballeira de Bueu, co traballo Teo contra o cancro, e o IES do Castro de Vigo, con A volta ao mundo, resultaron finalistas do certame en Galicia

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou esta mañá a gala de entrega de premios do programa Reimaxina a Ciencia 2026, unha iniciativa puxo en valor pola súa contribución á hora de impulsar o potencial investigador dos estudantes galegos na loita contra o cancro.  

Durante o evento, o titular de Sanidade destacou a importancia de fomentar a curiosidade e o talento científico entre a mocidade galega o que representa “un motor fundamental para o avance do  sistema sanitario”.

Nesta liña, Gómez Caamaño subliñou que o futuro da sanidade depende da capacidade das novas xeracións para deterse, observar, investigar e comprender as cousas, nun mundo dominado pola inmediatez.

Impulsado por Novartis, o programa Reimaxina a Ciencia ten por obxectivo achegar a investigación clínica aos estudantes de secundaria e bacharelato e espertar a súa vocación científica mediante un programa divulgativo e participativo.

Nesta cuarta edición, Reimaxina a Ciencia centrou a súa atención en como a investigación clínica se enfronta ao cancro, dando lugar a un reto sanitario e científico de primeira magnitude. A través deste enfoque, os estudantes traballan conceptos complexos como: ensaios clínicos, desenvolvemento de terapias, innovación biomédica, etc. e tradúceno á súa propia linguaxe con monólogos, sketches, animacións, rap…

Na presente edición Reimaxina a Ciencia deu un paso máis artellando unha gala final en formato unificado, conectando as comunidades autónomas de Galicia, Andalucía, Madrid e Cataluña, nunha proposta común que integrou as pezas divulgativas elaboradas por todos centros educativos que resultaron finalistas.

O responsable da Sanidade galega salientou o compromiso e o reto compartido que representa a loita contra o cancro, e remarcou que non hai territorios rivais nin medallas que repartir, senón unha suma de talento co obxectivo común de salvar vidas.

No caso da comunidade galega, os tres centros educativos que acadaron a fase final pertencen á provincia de Pontevedra: o IES Johan Carballeira (Bueu) co traballo Teo contra o cancro; o IES do Castro (Vigo) con A volta ao mundo, e o estudantado do IES Ponte Caldelas co proxecto Caldelartix.

Na súa intervención o conselleiro aproveitou para recoñecer o labor esencial que desenvolve todo o profesorado á hora de espertar vocacións científicas e de acompañar ao alumnado nos seus procesos de investigación.

A gala contou coa presenza do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; da directora de Investigación de ACIS, Pilar Morgade; e da responsable de asuntos públicos de Novartis, Fátima Montes.

Gañadores da IV edición de Reimaxina a Ciencia

Tras o visionado das propostas finalistas, déronse a coñecer os proxectos premiados tanto a nivel autonómico (Galicia, Andalucía, Madrid e Cataluña), como o gañador nacional desta cuarta edición de Reimaxina a Ciencia.

Así, o premio nacional Reimaxina a Ciencia 2026 recaeu na Escola Pia Igualada de Barcelona co traballo La última jugada.

En Galicia, o IES Ponte Caldelas alzouse como gañador autonómico co proxecto Caldelartix.

O traballo GPS mortal: el reality de los radioligandos do IES Alameda de Osuna de Madrid e Avanzamos do IES Bellavista de Sevilla completaron a listaxe de premiados a nivel autonómico.

Os integrantes dos equipos gañadores recibiran un kit influencer de alta gama para a creación de contidos audiovisuais. Así mesmo, tamén se premiou aos participantes con diplomas acreditativos de participación e con material de divulgación sobre investigación sanitaria, facilitado por ACIS.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026