A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, presentou hoxe a actuación

A Xunta licita as obras de dúas novas sendas na AC-433 en Laxe, que suporán un investimento de 1,1 M€

Construiranse dous tramos de sendas peonís que suman case 2 quilómetros e que conectarán con outras executados nesta estrada en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro 

Allegue subliña o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e segura a través destes itinerarios peonís que facilitan os desprazamentos a pé da veciñanza 

As empresas poderán presentar para estas obras ofertas ata o 25 de maio e o prazo de execución dos traballos será de 12 meses

Laxe (A Coruña), 28 de abril de 2026

A Xunta licita as obras de dúas novas sendas na estrada autonómica AC-433, que suporán un investimento total de 1,1M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, presentou hoxe a actuación, que será cofinanciada con fondos FEDER.

En concreto, construiranse dos tramos de sendas peonís que suman case 2 quilómetros e que, como destacou a conselleira, conectarán con outros itinerarios xa executados nesta estrada en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro entre Laxe, Serantes e Castrelo para os desprazamentos a pé da veciñanza.

O primeiro dos tramos parte do núcleo de Castrelo e conectará coa senda xa executada en Serantes e o segundo enlaza este núcleo co de Laxe.

Allegue destacou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e segura, “atendendo ás necesidades reais e construíndo unha Galicia mellor para todos e todas, a nosa Galicia Calidade da que estamos orgullosos”.

Neste senso, a comunidade conta xa cunha rede de sendas peonís e ciclistas de máis de 300 km, que contribúen a mellorar a accesibilidade e a seguridade das estradas, ademais de dinamizar o territorio.

As empresas terán de prazo ata o 25 de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución das obras será de 12 meses.

Actuación

Estes novos itinerarios desenvolveranse pola marxe dereita da estrada autonómica AC-433. Así, executarase un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+493, que finalizará no inicio da senda existente en Serantes, no punto 11+075.

O segundo tramo permitirá a conexión entre Serantes e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+427. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026