A Xunta pon en valor o comercio galego na mesa de directores xerais do ramo en Toledo
Toledo, 28 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na mesa de directores xerais de comercio das distintas comunidades autónomas organizada en Toledo, onde mañá se entregarán os Premios Nacionais de Comercio Interior. Alí, destacou as bondades do comercio galego e o traballo da Xunta para garantir o seu futuro no marco do Plan estratéxico 2025-2030.
Nesa liña, Alén lembrou que se vén de constituír a Mesa do Comercio de Galicia, un órgano colexiado consultivo e de participación que exercerá de instrumento para unha adecuada colaboración entre as distintas administracións públicas e axentes implicados na defensa, fomento e mellora do tecido comercial galego, como reforzo das mesas locais xa existentes. Citouna como unha das últimas medidas cumpridas ao abeiro do Plan estratéxico, que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 M€ co obxectivo de potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza dun sector que abrangue máis de 32.000 establecementos na nosa Comunidade.