A Xunta dá luz verde ambiental ao plan especial de protección do casco histórico de Baños de Molgas
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé efectos ambientais adversos significativos na contorna
A ordenación afecta a unha superficie de 59.698 metros cadrados do núcleo urbano co obxectivo de poñelo en valor, salvagardar o tecido arquitectónico, rehabilitar espazos e mellorar a funcionalidade dos servizos públicos
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao plan especial de protección do casco histórico do Concello de Baños de Molgas, un instrumento que ten como obxecto establecer a ordenación do referido ámbito para garantir a súa delimitación e posta en valor primando a rehabilitación de construcións existentes e a adecuación de espazos e servizos públicos.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece que non se prevé que o referido plan teña efectos ambientais adversos significativos sempre que se cumpran e atendan as condicións incluídas na propia resolución en cuestións relacionadas coa protección do patrimonio cultural, a paisaxe ou os servizos básicos e as súas conexións cos sistemas xerais exteriores ao ámbito sinalado.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan especial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.
Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (en ambos casos o Concello de Baños de Molgas) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e agora faise público mediante o anuncio correspondente no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto deste plan é establecer unha ordenación detallada do casco histórico de Baños de Molgas e de acordo cos seguintes obxectivos xerais: ordenamento detallado do núcleo en favor do uso residencial e salvagarda do tecido arquitectónico, protección e posta en valor do patrimonio cultural e histórico, rehabilitación de espazos públicos, mellora da funcionalidade dos servizos, recuperación da paisaxe urbana e cohesión social e dinamización da economía da vila.
O ámbito de actuación comprende a parte do núcleo urbano deste concello ourensán que o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) delimita para o desenvolvemento do plan especial do casco histórico e terreos lindeiros que abrangue unha superficie de 59.698 metros cadrados.
O casco histórico de Baños de Molgas sitúase ao carón do río Arnoia nas marxes da estrada OU-0108 e ten a súa orixe nun asentamento romano do que aínda conserva vestixios como a ponte romana e restos arqueolóxicos. Presenta unha estrutura de casarío denso e compacto, na que predominan as edificacións de carácter tradicional, incluíndo muros e peches de pedra, destacando pola súa singularidade a existencia dos chamados “campos de hórreos”.
No ámbito do plan o catálogo do PXOM recolle a existencia de numerosos bens patrimoniais de interese arquitectónico, etnográfico e arqueolóxico. Así mesmo, inclúe na categoría de sitio natural o corredor fluvial do val do río Arnoia.
Para cumprir cos obxectivos do plan especial prevese o establecemento de normas específicas para a conservación e protección, referidas á regulación de usos e ás condicións de edificación e xestión de infraestruturas no núcleo, así como a redacción dun catálogo detallado do patrimonio cultural do núcleo.