O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, reuniuse cos responsables das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central

Gómez Caamaño lamenta o inmobilismo da ministra de Sanidade ante as folgas médicas contra o Estatuto Marco, que desde decembro provocaron a suspensión de 193.000 actos médicos

Na xornada de onte martes, suspendéronse 201 cirurxías, 5.052 consultas hospitalarias, 1.020 consultas de atención primaria e 626 probas diagnósticas

No que vai de semana suspendéronse 15.465 actos médicos: 423 cirurxías, 10.828 consultas hospitalarias; 2.893 consultas en atención primaria; e 1.321 probas

O seguimento da folga no sistema sanitario público galego acadou este martes, na quenda súa de mañá, o 18 %

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou esta mañá o inmobilismo da ministra de Sanidade ante as folgas médicas contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central, unha conxuntura que está a dificultar dun xeito significativo o correcto funcionamento do sistema sanitario público galego e que xa supuxo a suspensión de 192.724 actos médicos desde decembro.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco.

Ao remate da xuntanza, Gómez Caamaño incidiu no importante impacto que teñen estes paros no funcionamento habitual do sistema sanitario galego, ao supoñer unha media de suspensións diarias de entre 200 e 250 cirurxías; de entre 5.000 e 6.000 consultas hospitalarias; de entre 1.000 e 1.500 consultas en atención primaria; e de máis de 600 probas de laboratorio.

Segundo os datos reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas, no día de onte, martes, a actividade suspendida por mor da folga foi de 201 cirurxías, 5.052 consultas hospitalarias, 1.020 consultas de atención primaria e 626 probas diagnósticas.  

En total, entre as xornadas do luns e do martes, a actividade suspendida pola folga contra o Estatuto Marco supuxo a suspensión de 423 cirurxías, 10.828 consultas hospitalarias, 2.893 consultas de atención primaria e 1.321 probas diagnósticas.

Durante a súa intervención o conselleiro de Sanidade referiu que o seguimento da folga que este martes acadou, na quenda de mañá, o 18 % de seguimento.

A Xunta insta ao Goberno de España a que actúe na procura de acadar un consenso cos profesionais médicos e así poder poñer fin a unhas folgas nas que os principais afectados están a ser os pacientes do conxunto de comunidades autónomas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026