A Xunta anima ao Observatorio do Xogo a traballar xuntos para garantir un modelo que conxugue unha actividade regrada coa protección dos colectivos máis vulnerables

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse esta mañá cos integrantes deste organismo, na súa sesión constitutiva

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, animou hoxe aos membros do Observatorio do Xogo a traballar xuntos para garantir un modelo de xogo responsable que permita conxugar unha actividade regrada e normativizada coa protección dos colectivos máis vulnerables.

Durante a sesión constitutiva deste organismo, Corgos lembrou que o Observatorio Galego do Xogo nace co compromiso de que esta actividade se desenvolva na comunidade de maneira responsable e segura. “Con este fin, o Observatorio encargarase do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo e permitirá dispoñer de datos obxectivos e contrastables para adaptar as políticas públicas ás necesidades reais”, explicou, recordando que a súa creación está prevista na Lei reguladora dos xogos de Galicia, “unha das normativas máis avanzadas do sector en España”.

Para levar a cabo estes cometidos o Observatorio contará cun pleno composto por unha presidencia e varias vogalías nas que están representadas as consellerías con competencias en materia de Seguridade e Coordinación (Sanidade, Xuventude, Educación, Deportes e Facenda), así como un representante de cada unha das tres universidades galegas, dos sectores do xogo, das asociacións de loita contra adicións nesta materia e das asociacións de nais e pais galegas. 

Entre as principais funcións deste organismo atópase a de realizar propostas e recomendacións acerca de normas e políticas públicas; promover campañas de sensibilización e prevención; coñecer, analizar e difundir información sobre a situación do xogo na Comunidade e fomentar o intercambio de información con outras institucións a nivel nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026