Belén do Campo, o director da Amtega e os alcaldes de Laxe, Malpica, Cabana de Bergantiños analizan con telefónica as reiteradas incidencias no servizo de telecomunicacións

Os representantes autonómicos trasladaron a necesidade de dar resposta ás reclamacións formuladas polos rexedores locais, que veñen denunciando desde hai meses cortes frecuentes nos servizos de telefonía e internet, con consecuencias directas sobre a actividade administrativa, económica e social da zona

A Coruña, 29 de abril de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co director da Amtega, Damián Rey mantiveron unha reunión cos alcaldes de Laxe, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños e co director do Territorio Norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso, co obxectivo de analizar a situación derivada das reiteradas incidencias na prestación do servizo de telecomunicacións nestes municipios da Costa da Morte, que xa foron trasladadas á delegada da Xunta nunha reunión o pasado 13 de abril.

Durante o encontro, os representantes autonómicos trasladaron a necesidade de dar resposta ás reclamacións formuladas polos rexedores locais, que veñen denunciando desde hai meses cortes frecuentes nos servizos de telefonía e internet, con consecuencias directas sobre a actividade administrativa, económica e social da zona. Unha problemática que, segundo se puxo de manifesto na reunión, se produce de forma recorrente neste territorio.

Os representantes autonómicos e locais explicaron ao representante da compañía telefónica que esta situación está a afectar de maneira directa a servizos esenciais, como o funcionamento ordinario dos propios concellos, a actividade do tecido produtivo local ou a realización dalgúns trámites diarios nos centros de saúde, polo que advertiu de que “esta realidade non pode normalizarse no rural galego”.

Ademais, informaron de que os alcaldes e a delegada da Xunta xa trasladaran esta preocupación á Delegación do Goberno, solicitando tamén a súa mediación para que se poña fin aos cortes de subministración nestes catro municipios e se avance cara a unha solución definitiva. Cómpre lembrar que as competencias en materia de telecomunicacións corresponden en exclusiva ao Goberno central, como administración responsable da regulación, planificación e supervisión deste ámbito estratéxico.

Neste sentido, explicaron que desde o Executivo autonómico consideran que no rural galego as telecomunicacións constitúen un servizo fundamental e esencial para a cidadanía, polo que resulta urxente adoptar medidas que permitan eliminar estes cortes prolongados da rede e garantir unha prestación axeitada e estable.

Por último, aquixeron trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, asegurando que a Xunta de Galicia “seguirá vixiante e actuando dentro das súas competencias” para contribuír a que se dea unha resposta definitiva a estes problemas e mellorar a calidade dos servizos de comunicación neste territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026