A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe a intervención que se está a realizar no viaduto da Moura, na autovía do Morrazo ao paso por Moaña, no marco deste programa
Allegue pon en valor o plan da Xunta de inspeccións e conservación de viadutos e pontes, dotado con 13 M€
No viaduto da Moura a Xunta leva a cabo unha intervención concreta sobre os apoios, co obxectivo de incrementar a funcionalidade, a seguridade e durabilidade desta infraestrutura
Allegue subliña que esta é unha das 17 actuacións planificadas neste ano no marco deste plan específico para estruturas e obras de paso, cuxa finalidade é reforzar a conservación preventiva e a reparación e mantemento destas infraestruturas
Co programa, efectúanse controis sobre elementos como pontes, viadutos, pontóns, sumidoiros, pasarelas ou pasos inferiores peonís para coñecer o estado real, priorizar actuacións e executar reparacións de forma máis áxil e preventiva
Moaña (Pontevedra), 30 de abril de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo hoxe en valor o plan da Xunta de inspeccións e conservación de viadutos e pontes, dotado con 13M€ ata 2029. Allegue visitou hoxe a intervención que no marco deste programa está a realizar a Xunta no viaduto da Moura, na autovía do Morrazo AG-46, ao paso polo concello de Moaña.
Neste viaduto a Xunta está a levar a cabo unha intervención concreta sobre os apoios, co obxectivo de incrementar a funcionalidade, a seguridade e durabilidade desta infraestrutura. Os traballos, que teñen un prazo de execución de dous meses, inclúen tamén a reparación de elementos metálicos.
Esta é unha das 17 actuacións previstas este ano neste plan específico para a inspección e conservación de estruturas e obras de paso da rede viaria autonómica. Trátase dun programa cuxa finalidade é reforzar a conservación preventiva, a inspección, a reparación e o mantemento destas estruturas. Como explicou a conselleira, licitáronse dous contratos específicos neste eido, un de inspección e elaboración de proxectos (ao redor de 5M€) e outro de execución de obras (máis de 8M€).
Así, efectúanse controis constantes sobre elementos como pontes, viadutos, pontóns, sumidoiros, pasarelas, pasos inferiores peonís e outras estruturas vinculadas ás estradas autonómicas, para coñecer o estado real das estruturas e anticipar con planificación as actuacións que sexan precisas, coa execución destas reparacións puntuais de forma máis áxil e preventiva. O obxectivo principal é garantir que estas estruturas manteñan unhas condicións axeitadas de seguridade, funcionalidade e durabilidade.
Allegue subliñou a importancia do eido da conservación con actuacións como a visitada hoxe, “traballos moi importantes para a prevención e mantemento das infraestruturas”. Recordou así mesmo o esforzo da Administración autonómica nas tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal para manter en condicións a rede viaria autonómica, de 5.500 quilómetros.
Entre as 17 actuacións planificadas este ano nas estruturas e obras de paso, ademais da do viaduto da Moura, figuran entre outras intervencións nos viadutos de A Mó e A Fraga, tamén nesta autovía do Morrazo.