A Xunta convoca para maio e xullo os actos expropiatorios para a construción da glorieta na estrada autonómica AC-418 en Malpica de Bergantiños

A través desta intervención, que suporá un investimento total de máis de 330.000 executarase unha glorieta que reduza a velocidade dos vehículos nunha zona sensible pola intersección de acceso ao Colexio Público Milladoiro e ao centro cívico

O acto para o levantamento de actas previas terán lugar o vindeiro 26 de maio, e o de formalización levarase a cabo o 22 de xullo

A glorieta disporá dunha circunferencia de radio de 14 metros no anel exterior e 8 metros de diámetro no anel interior, con zona verde interior

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, nos vindeiros meses de maio e de xullo, dos actos expropiatorios para a construción dunha glorieta na estrada autonómica AC-418, ao paso polo núcleo do concello de Malpica de Bergantiños.

Trátase de executar unha actuación de mellora da seguridade viaria e a funcionalidade desta vía de titularidade da Xunta, cun orzamento de licitación da obra por un importe de máis de 275.000 euros e suporá un investimento autonómico total de mais de 330.000 euros.

O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o día 26 de maio de 2026, ás 11.00 horas, no salón de plenos do Concello de Malpica de Bergantiños. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 22 de xullo de 2026, á mesma hora e no mesmo lugar.

A través desta intervención, o departamento que dirixe María M. Allegue proponse intervir na AC-418, concretamente na entorna dos puntos quilométricos 15+390-15+530, zona especialmente sensible ao ser unha intersección que dá acceso ao Colexio Público Milladoiro e ao centro cívico da localidade.

A intervención

Na entrada ao núcleo urbano de Malpica, a urbanización das marxes da AC-418 vaise densificando progresivamente, converxendo edificios de vivendas e equipamentos nunha recta de 200 metros de lonxitude que ten unha forte pendente lonxitudinal descendente.

Os vehículos proceden dunha estrada con características interurbanas e existe un trazado recto nese treito, polo que se poden producir excesos de velocidade, a pesar de ser unha vía limitada a 50 km/h.

Para resolver esta situación, a intervención consiste na reforma da intersección da rúa Ventorrillo coa rúa Canido e o acceso o CEIP Milladoiro. Proponse executar a citada glorieta en torno ao punto quilométrico 15+470 da estrada AC-418. A glorieta disporá dunha circunferencia de radio de 14 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que será de formigón cunha pequena zona verde interior.

Nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-418, entre os puntos quilométricos 15+430 e 15+490, prevese a realización de adaptacións pola implantación da mesma. En concreto, actuarase na rúa Canido, afectada nunha lonxitude de 10 metros; e no acceso ao colexio público, nunha lonxitude de 20 metros.

Na intervención tamén se reporán as beirarrúas cun ancho próximo aos 3 metros e pavimento de louseta, dando continuidade aos itinerarios peonís existentes.

Tamén, froito das achegas presentadas ao proxecto inicial, engádese unha análise do cumprimento da normativa de accesibilidade, a reposición da parada de autobús existente, previa á entrada á glorieta, a inclusión do pavimento podotáctil nos pasos de peóns dimensionados no proxecto e compleméntase a iluminación na contorna.

Con respecto á pavimentación da calzada, esta será en aglomerado en quente naquelas superficies que antes da obra non contaban con pavimento.

Ademais, acondicionarase a drenaxe á nova configuración da glorieta, e rematarase a obra con sinalización horizontal e vertical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2026