O conselleiro de Sanidade reuniuse cos responsables das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central
Gómez Caamaño apoia a creación dun marco de regulación propio para os médicos cunha mesa de negociación vinculante e chama ao presidente do Goberno a acabar cos paros contra o Estatuto Marco
Reafirma a súa defensa por un marco normativo propio que recolla as singularidades da profesión médica
Lamenta que a ministra de Sanidade non teña intención de solucionar a folga médica contra a reforma que propón o Goberno central do Estatuto Marco e por iso apela ao presidente do Goberno de España a que poña solución
Na xornada de onte mércores suspendéronse 218 cirurxías, 5.212 consultas hospitalarias, 1.709 consultas de atención primaria e 674 probas diagnósticas
No que vai de semana suspendéronse 23.771 actos médicos: 642 cirurxías, 16.372 consultas hospitalarias, 4.707 consultas de atención primaria e 2.050 probas diagnósticas
O seguimento da folga no sistema sanitario público galego acadou este xoves, na quenda de mañá o 19,61 %
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou hoxe o seu apoio á creación dun marco de regulación propio das condicións laborais do persoal médico cunha mesa de negociación vinculante e fixo un chamamento ao presidente do Goberno de España para acabar cos paros contra o Estatuto Marco que promove o Executivo estatal.
O responsable do departamento sanitario da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco.
Tras comprobar o impacto da folga médica convocada a nivel nacional, que só esta semana xa supuxo a suspensión de 23.771 actos médicos, Gómez Caamaño lamentou que a ministra de Sanidade non teña intención de negociar unha solución. Neste sentido, expresou a súa defensa por un marco normativo propio que recolla as singularidades da profesión médica.
Segundo os datos reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas, no día de onte, mércores, a actividade suspendida por mor da folga foi 218 cirurxías, 5.512 consultas hospitalarias, 1.709 consultas de atención primaria e 674 probas diagnósticas.
En total, entre as xornadas do luns, martes e mércores, a actividade suspendida pola folga contra o Estatuto Marco supuxo a suspensión de 642 cirurxías, 16.372 consultas hospitalarias, 4.707 consultas de atención primaria e 2.050 probas diagnósticas.
Durante a súa intervención o conselleiro de Sanidade referiu que o seguimento da folga que este xoves acadou, na quenda de mañá, o 19,61 % de seguimento.
De novo, a Xunta insta ao Goberno de España a que actúe na procura de acadar un consenso cos profesionais médicos e así poder poñer fin a unhas folgas nas que os principais afectados están a ser os pacientes do conxunto de comunidades autónomas.