A Xunta dá luz verde ambiental con condicións a un campamento de turismo en San Vicente do Grove
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O proxecto está previsto nunha parcela de preto de 5.500 metros cadrados de superficie no lugar de Bizocas e inclúe unha zona de acampada que se divide en 16 parcelas para o estacionamento de caravanas e 39 para uso de campamento
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar das Bizocas, na parroquia de San Vicente, no concello do Grove.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático -que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG)- non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado ao abeiro da iniciativa.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remítese a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e daráselle publicidade a través do correspondente anuncio no DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
En canto ao proxecto, promovido por Santiago Gómez Besada, consiste na construción dun campamento de turismo dunha estrela localizado nun terreo de preto de 5.500 metros cadrados de superficie. A zona de acampada divídese en 16 parcelas para o estacionamento de caravanas, 39 para uso de campamento, unha edificación de servizos hixiénicos e auxiliares, outra para acoller a zona de recepción e tenda, aparcadoiro de máis de 420 metros cadrados para 10 turismos acondicionado con pavimento de grava e viarios acondicionados co mesmo material.
No deseño tamén se inclúen áreas verdes buscando respectar a contorna natural, buscando a mínima intervención e promovendo a integración dos elementos naturais existentes, tales como a vexetación autóctona e os afloramentos rochosos. As instalacións conectaranse ás redes públicas de distribución de auga potable, saneamento, iluminación exterior e distribución de enerxía eléctrica.
O proxecto, localizado no lugar das Bizocas, na parroquia de San Vicente do Grove, está próximo á praia Area da Cruz, entre os núcleos de Montemar e Pedras Negras, lindando con outros campamentos de turismo semellantes.