O titular de Sanidade participou esta mañá en Vigo na presentación dunha iniciativa enmarcada no proxecto de colaboración transfronteiriza INNOV4LIFE, que procura respostas aos retos sanitarios compartidos entre Galicia e o Norte de Portugal

Gómez Caamaño destaca que o novo Living Lab converte o Meixoeiro no banco de probas de 8 solucións innovadoras para mellorar a asistencia sanitaria aos maiores

O centro hospitalario vigués testará as propostas de diferentes empresas especializadas para abordar a fraxilidade, as demencias ou o deterioro cognitivo

O Living Lab permitirá probar as propostas nunha contorna real, o que facilitará validar a súa utilidade e medir mellor a súa aplicación na práctica clínica

Vigo, 5 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na presentación do novo Living Lab de Saúde, instalado no Hospital Meixoeiro de Vigo co obxectivo de probar nunha contorna real respostas novidosas para mellorar a asistencia sanitaria que presta ás persoas maiores.

O centro hospitalario vigués será, así, o banco de probas onde oito empresas especializadas nos ámbitos da saúde, a biomedicina e a innovación sanitaria, testarán as súas propostas vencelladas á fraxilidade das persoas maiores, as demencias ou ao deterioro cognitivo.

Durante o acto, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, o titular de Sanidade incidiu en que grazas ao novo Living Lab estas solucións poderán ser probadas nunha contorna real, o que permitirá validar a súa utilidade e medir mellor a súa aplicación na práctica clínica.

Financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, o Living Lab do Hospital de Vigo enmárcase no ecosistema INNOV4LIFE. Con este programa, que conta cun orzamento de 1,5 M€, Galicia e Portugal buscan solucións sanitarias aplicables a ambos os lados da fronteira, de acordo as características comúns da súa poboación.

O pasado mes de febreiro, a Consellería de Sanidade seleccionou os 8 proxecto finalistas dos 16 que se presentaron á convocatoria, en virtude do seu grao de innovación, viabilidade e aliñamento coas estratexias do Servizo Galego de Saúde.

En concreto, e coa mirada posta na fraxilidade dos maiores, o proxecto VACOGRIP, de Gripwise Tech, LDA, artellará un dinamómetro médico con sensores conectados a unha plataforma dixital o que permitirá unha avaliación rápida da forza, a fraxilidade, a mobilidade e a estimación do risco de caídas. Do mesmo xeito, a ferramenta sanitaria SIDF, de Entrena y salud Soc. Coop. Galega, achegará unha plataforma dixital de avaliación integral para a detección precoz de fraxilidade da poboación con  máis idade.

Centrados no ámbito cognitivo atópanse os proxectos InmeRsiVa, de Insati Innovation, S.L, que empregará a realidade virtual inmersiva como ferramenta terapéutica para a estimulación cognitiva de pacientes con deterioro cognitivo leve ou moderado; o programa MIND3D, do Grupo Tecnolóxico Arbinova, S.L., que introduce un método de planificación neurocirúrxica personalizada para pacientes con meninxiomas asociados á deterioración cognitiva ou demencia temperá; e o proxecto OPTIMAG-DEM, de Qubiotech Health Intelligence, S.L., que tratará de achegar unha ferramenta que planifique a mellora do proceso diagnóstico de demencia e/ou deterioros cognitivos mediante biomarcadores de neuroimaxe.

Sen saír do ámbito tecnolóxico sanitario a plataforma LIVEWELL, da empresa Dimensiona Consultoría Tecnolóxica, S.L, facilitará unha analítica clínica conectada ao integrar un dispositivo portátil que interpreta os resultados e suxire accións segundo guías clínicas. Así mesmo, a empresa Ad hoc developments S.L., avanzará D40PRO-LLV, achegando un terminal asistencial mixto adaptado no que se combina, nun dispositivo fixo con funcións de vídeo, comunicación e teleasistencia, cun módulo destinado á creación dun entorno domótico asistencial.

Finalmente, o proxecto SERENIA, de Serenia Solutions S.L., desenvolverá un asistente virtual intelixente para o acompañamento emocional, a estimulación cognitiva e o apoio personalizado a persoas maiores, que emprega tecnoloxías de IA e machine learning para manter conversacións naturais con elas e monitorizar cambios en emocións, linguaxe e patróns de uso.

O titular da carteira sanitaria da Xunta pechou a súa intervención destacando o valor engadido do traballo en rede e do feito de compartir o coñecemento entre institucións de ambos os países, unha conxuntura que contribuirá a modernizar e avanzar na transformación do sistema sanitario publico galego.

Así, xunto co Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), tamén forman parte deste proxecto, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), AFAGA Alzhéimer, a Universidade do Porto, a Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave e o Parque de Ciéncia e Tecnología da Universidade de Porto (UPTEC).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2026