A Atriga aposta polo intercambio de coñecementos e experiencias para mellorar a aplicación dos impostos autonómicos
Durante dous días, profesionais de prestixio en diferentes ámbitos estudarán a aplicación, a xestión e a inspección dos tributos xestionados pola Xunta
A formación está dirixida tanto a traballadores da Administración tributaria como ao resto de profesionais dese ámbito
O conselleiro de Facenda e Administración Pública abre mañá un encontro no que participan tamén profesionais doutras CC.AA.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) organiza por segundo ano consecutivo unhas xornadas sobre impostos autonómicos nas que aposta polo intercambio de coñecementos e experiencias entre os profesionais participantes. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle durante dous días este encontro de profesionais de prestixio de diferentes ámbitos que estudarán a aplicación, xestión e inspección dos tributos xestionados pola Xunta.
O foro, que naceu o ano pasado con vocación de continuidade, procura o intercambio de coñecementos, a análise e a coordinación como claves para aplicar un sistema tributario máis xusto e eficiente. O seu obxectivo é fundamentar e harmonizar criterios en materia tributaria autonómica para ser aplicada no ámbito correspondente. A formación está dirixida tanto a persoas traballadoras da Administración tributaria autonómica como ao resto de profesionais deste ámbito.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, é o encargado de darlles mañá a benvida aos participantes nas xornadas, xunto ás directoras da Atriga, Sonia Lafont, e da EGAP, Sonia Rodríguez- Campos.
Temática e expertos
No encontro abordaranse temas de interese e actualidade, como os beneficios fiscais para as empresas, o contrato vitalicio, os pactos sucesorios e a súa tributación ou a constitucionalidade do valor de referencia, e tamén haberá tempo para revisar a doutrina máis recente en materia recadatoria.
O foro contará con dúas conferencias, unha de apertura, Afectación de activos empresariais. Emprego de ratios económico-financeiros para o seu análise, pronunciada polo catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da UPF Oriol Amat i Salas e outra de clausura, O interese casacional na materia tributaria, impartida pola maxistrada da Audiencia Nacional e coordinadora do Gabinete Técnico do Tribunal Supremo, Ana Isabel Martín Valero.
As mesas redondas para fomentar o debate e o intercambio de experiencias completarán as xornadas, con temas como Beneficios fiscais activos afectos empresariais: medios e carga da proba, Pactos sucesorios no dereito civil propio e no dereito foral, A doutrina do “dobre tiro”, ou A constitucionalidade do valor de referencia, entre outros.