A Xunta abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa Vacacións en Familia nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño

O Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle os requisitos para optar a estas estadías, que se desenvolverán desde xuño ata outubro

As persoas interesadas poderán cursar a súa solicitude de praza ata o vindeiro día 20 de maio, incluído

Santiago de Compostela, 6 de maio do 2026

A Xunta abre mañá xoves, día 7, e ata o vindeiro 20 de maio (incluído), o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa Vacacións en Familia, que se desenvolve en tempada estival nas Residencias de Tempo Libre autonómicas do Carballiño e de Nigrán. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria cos requisitos para a adxudicación das estadías.

Nesta nova edición, mantéñense as quendas de entre seis e sete noites en cada unha das residencias, repartidas entre os meses de xuño e outubro. Poderase presentar unha única solicitude por unidade familiar, na cal se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías. As peticións de praza cursaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A adxudicación das estadías efectuarase por orde de entrada das solicitudes e non se valorarán aquelas que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores, salvo que existan prazas vacantes. Así mesmo, darase preferencia ás familias numerosas, monoparentais, acolledoras e vítimas de violencia de xénero.

O obxectivo é que máis de 2.400 persoas desfruten ao longo do verán deste programa que, un ano máis, mantén as tarifas de prezos conxeladas para facelo asequible a todas as persoas. Ademais, haberá descontos do 30% para as numerosas, as monoparentais ou as acolledoras, así como un 50% no caso dos menores de entre 2 e 12 anos.

Data de actualización: 06/05/2026