A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, firmou hoxe este acordo co alcalde, Ovidio Rodeiro

A Xunta asina co concello de Boqueixón o convenio para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, cun investimento total de máis de 460.000€

O Goberno galego asumirá o 70% do orzamento, contratará e executará as obras; e o Concello aporta o 30% restante do investimento e corresponderalle o mantemento

O obxectivo é a integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo, con intervencións na rúa Castrelo e na avenida do Vinteseis

As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais e cofinanciar diferentes tipos de intervencións urbanísticas

Boqueixón (A Coruña), 6 de maio de 2026

A Xunta asina co Concello de Boqueixón o convenio de colaboración para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, cun investimento total de máis de 460.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, firmou hoxe co alcalde, Ovidio Rodeiro, este acordo.

Estas actuacións, que se desenvolverán ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, serán financiadas nun 70% polo Goberno galego, que ademais contratará e executará as obras.

O Concello de Boqueixón achegará o 30% restante do custe das obras e corresponderalle o mantemento e conservación.

O obxectivo é executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Vinteseis.

Na rúa Castrelo inclúense a renovación da beirarrúa, así como a instalación de bordo. Na marxe oposta da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude, con bordo prefabricado tipo “xardín” no límite exterior da senda.

Tamén se renovará an capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.

Na avenida do Vinteseis renovarase un treito mediante a reforma das beirarrúas existentes e a execución doutras novas que dean servizo ao novo espazo de aparcamento proxectado.

Levarase a cabo, ademais, a execución da rede de pluviais e os respectivos pozos de rexistro e arquetas; así como a de alumeado, coa execución da súa canalización e das correspondentes arquetas, báculos e luminarias.

O proceso de urbanización do entorno completarase coa plantación do céspede e árbores e coa colocación de mobiliario urbano.

Estas intervencións realízanse mediante o Plan Hurbe, un programa co que o Goberno galego colabora cos concellos na mellora de contornas urbanas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026