A Xunta pon en valor o ‘V Plan Director da Cooperación Galega’ na conferencia sectorial de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global

O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, participou hoxe neste encontro, no que fixo balance deste plan que remata a súa vixencia neste ano e avanzou que o Goberno galego porá en marcha o proceso participativo para elaborar o seguinte con horizonte ata 2030

Destacou que o actual Plan Director inclúe o Plan anual 2026 da Cooperación Galega, que este ano conta cun orzamento de máis de 10,3M€, un 5% máis que o ano pasado

Madrid, 5 de maio de 2025

O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, participou hoxe na reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, celebrada na sede do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, cuxo principal asunto foi o balance dos fitos da cooperación española e as prioridades para este ano.

Na súa intervención, o secretario xeral técnico puxo en valor o V Plan Director da Cooperación galega que remata este ano, do que destacou que inclúe o Plan anual 2026 da Cooperación Galega, que neste exercicio conta cun orzamento de máis de 10,3 millóns de euros, un 5% máis que o ano pasado.

No que se refire ao próximo VI Plan Director da Cooperación Galega que dará continuidade ao actual con horizonte ata 2030, avanzou que na segunda metade deste ano porase en marcha o proceso participativo para a súa elaboración. Deste xeito, prevese que inclúa programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior ou de educación para o desenvolvemento, así como a aplicación do enfoque de xénero nas políticas neste ámbito ou o reforzo das iniciativas relacionadas con sectores como a pesca artesanal, a acuicultura ou a xestión de recursos hídricos que reforzan a identidade e o valor engadido da cooperación galega. No conxunto dos programas previstos no plan a Xunta traballará co obxectivo de seguir promovendo a participación activa dos axentes galegos de cooperación.

Do mesmo xeito, no que se refire á coordinación da Xunta coa Cooperación Española, Javier Abad fixo referencia, entre outras medidas, á presenza nos grupos de traballo técnico que se poñan en marcha e ao apoio, como se vén facendo desde hai anos, ao convenio de actuación conxunta coa cooperación descentralizada.

Esta Conferencia Sectorial, creada o ano pasado por mandato da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, como órgano de participación, diálogo, coordinación, concertación e colaboración en materia de cooperación para o desenvolvemento sostible da Administración Xeral do Estado, das Administracións das comunidades autónomas, e das cidades con Estatuto de Autonomía; ten por finalidade contribuír a unha actuación máis eficaz, coherente, coordinada e complementaria das distintas Administracións públicas que executen programas, proxectos e accións en materia de cooperación para o desenvolvemento sostible.

Data de actualización: 06/05/2026