Belén do Campo asistiu á gala dos XXV Premios Opinión da Música de Raíz, uns galardóns que recoñecen o talento, a creación e a preservación da música tradicional galega
A delegada da Xunta lembrou o apoio continuado da Xunta ao tecido cultural e musical da comunidade, con especial atención ás manifestacións que contribúen á conservación e difusión do patrimonio inmaterial galego
A Coruña, 6 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, xunto con Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, asistiron á gala de entrega dos XXV Premios Opinión da Música de Raíz, organizados polo xornal La Opinión A Coruña, nun acto que volveu converterse nun punto de encontro para artistas, creadores, profesionais do sector cultural e representantes institucionais comprometidos coa promoción da música tradicional galega.
A representante do Goberno galego, habitual nesta cita que cada ano reúne o mellor da creación folk e de raíz do país, puxo en valor a traxectoria destes premios, que chegan á súa vixésimo quinta edición “convertidos xa nun referente imprescindible para visibilizar o inmenso talento musical que existe en Galicia e para recoñecer o labor de quen manteñen viva a nosa identidade sonora”.
Durante a gala, a delegada territorial salientou que a música de raíz “forma parte da memoria colectiva de Galicia, pero tamén do seu presente e do seu futuro, grazas á capacidade dos nosos artistas para innovar, reinterpretar e proxectar ao mundo unha tradición que segue máis viva ca nunca”.
Os Premios Opinión da Música de Raíz distinguen anualmente os mellores traballos discográficos, proxectos artísticos e iniciativas vinculadas á música tradicional, folk e de inspiración popular, consolidándose ao longo destes vinte e cinco anos como unha das principais plataformas de recoñecemento para un xénero esencial dentro da cultura galega.
A delegada lembrou o apoio continuado da Xunta ao tecido cultural e musical da comunidade, con especial atención ás manifestacións que contribúen á conservación e difusión do patrimonio inmaterial galego.
A representante autonómica trasladou tamén os seus parabéns a todas as persoas e formacións premiadas nesta edición, así como ao conxunto de músicos e creadoras que manteñen viva a tradición oral e musical galega a través de novas propostas artísticas.