O conselleiro de Sanidade e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue presentaron esta mañá o balance de doazóns de sangue do ano 2025
Gómez Caamaño agradece a solidariedade dos galegos reflectida nas máis de 105.300 doazóns de sangue e nos preto de 9.300 doantes novos en 2025
Mantense a taxa de doazón de sangue en torno ás 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, por riba da media española dos últimos exercicios
No ano 2025 doaron un total de 73.317 persoas, das que o 65 % participou unha vez ao longo do ano e o 35 % realizou dúas ou máis doazóns
As provincias da Coruña e de Pontevedra foron as de maior volume de doazóns ao acadar taxas de 44 e 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, respectivamente
As sete grandes cidades galegas concentraron ao redor do 44 % das doazóns de sangue, con 45.566 achegas
Un ano máis, o concello coruñés de Padrón foi o de maior índice de participación de Galicia, cunha taxa de 92 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentaron esta mañá o balance de doazóns de sangue do ano 2025, nun acto no que agradeceron a participación e solidariedade de todas as persoas que realizaron 105.337 doazóns durante o pasado ano.
Segundo precisou o responsable do departamento sanitario da Xunta esta cifra representa unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Así, este índice segue a situarse como un dos máis elevados de España, con preto de tres puntos por riba da media estatal dos últimos anos.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño destacou os 9.275 doantes novos do ano 2025, un dato que cualificou como especialmente positivo, ao representar o 12,65 % de todas as persoas que participaron.
Este dato reflicte o compromiso das novas xeracións co xesto solidario de doar, así como o intenso traballo desenvolto por ADOS para fomentar as doazóns en centros educativos universitarios e non universitarios.
Segundo precisou o conselleiro, en 2025 doaron un total de 73.317 persoas, das que o 65 % participaron unha vez ao longo do ano e o 35 % realizaron dúas ou máis doazóns. A todos eles trasladou o seu agradecemento pola súa participación xa que, co seu xesto, están contribuíndo a salvar vidas.
Niveis de participación nas catro provincias
A directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, encargouse de debullar polo miúdo a distribución das doazón de sangue en 2025 dentro da comunidade. Así, as provincias da Coruña e Pontevedra foron as de maior volume de doazóns ao acadar taxas de 44 e 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, respectivamente. As provincias de Lugo e de Ourense rexistraron cifras menores debido a factores sociodemográficos, como poden ser o envellecemento e a dispersión da poboación, o que dificultan o crecemento da participación nestas zonas.
|
PROVINCIA |
DOAZÓNS 2025 |
TAXA DE DOAZÓN 2025 |
|
A Coruña |
49.660 |
44/1.000 |
|
Lugo |
8.074 |
25/1.000 |
|
Ourense |
8.409 |
28/1.000 |
|
Pontevedra |
39.194 |
41/1.000 |
|
Total Galicia |
105.337 |
39/1.000 |
A directora de ADOS salientou tamén que as sete grandes cidades galegas concentraron ao redor do 44 % das doazóns de sangue, con 45.566 achegas, o que representa unha taxa media de 45 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Neste apartado destaca o índice de participación de Santiago de Compostela con 85 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, seguida de Pontevedra (53/1.000) e de Ferrol (51/1.000).
Polo que atinxe ao número de doazóns totais, Vigo foi a cidade que obtivo o maior número, achegándose ata as 11.358.
|
CIDADE |
Doazóns 2025 |
Taxa de doazón 2025 |
|
A Coruña |
10.772 |
43/1.000 |
|
Ferrol |
3.338 |
51/1.000 |
|
Santiago de Compostela |
8.571 |
85/1.000 |
|
Lugo |
3.342 |
33/1.000 |
|
Ourense |
3.754 |
36/1.000 |
|
Pontevedra |
4.431 |
53/1.000 |
|
Vigo |
11.358 |
38/1.000 |
|
Total |
45.566 |
45/1.000 |
Concellos solidarios
Un ano máis, o concello coruñés de Padrón foi o de maior índice de participación de Galicia, cunha taxa de 92 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Na provincia de Lugo, tamén revalidou o seu liderado o concello de Meira (81/1.000) e na provincia de Ourense repetiu A Pobra de Trives (58/1.000), como o municipio con maior taxa de doazón. Por último, incorporouse Salceda de Caselas como o concello de maior participación da provincia de Pontevedra (77/1.000).
|
Provincia |
Concello |
Doazóns 2025 |
Taxa de doazón 2025 |
|
A Coruña |
Padrón |
764 |
92/1.000 |
|
Lugo |
Meira |
143 |
81/1.000 |
|
Ourense |
A Pobra de Trives |
112 |
58/1.000 |
|
Pontevedra |
Salceda de Caselas |
726 |
77/1.000 |
Distribución das doazóns
A Xunta salienta a importancia das campañas de doazón nas unidades móbiles que rexistraron o 86,3 % de todas as doazóns recollidas en Galicia grazas ás 7.153 colectas de sangue, aínda que un 13,7 % contabilízanse nun dos sete locais de atención permanente ao doador de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas. Nestes locais, ademais, é posible efectuar doazóns polo sistema de aférese que se achegou ata os 5.505 procesos no ano 2025.
Así mesmo, nos locais de atención ao doante de sangue en Galicia estase a levar a cabo o programa de autosuficiencia en plasma, do que se realizaron 1.121 plasmaféreses no pasado exercicio e que permitiron obter 635 litros de plasma.
Toda esta intensa actividade da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue ten por obxecto garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos pero sempre manténdose dentro dos máis altos estándares de calidade que é posible obter no eido sanitario. Neste sentido, a ADOS dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI) e a Certificación ISO 31000 de Xestión do Risco.