A Xunta pon en valor os oficios artesanais ante escolares da Pontenova
Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín achegáronse ata o CEIP da Pontenova para falar da elaboración de zocos e da construción de instrumentos de percusión tradicionais respectivamente, no marco do programa autonómico Artesanía na Escola
A Pontenova (Lugo), 7 de maio de 2026
A Fundación Artesanía de Galicia continúa coas demostracións de oficios tradicionais enmarcadas no seu proxecto de divulgación Artesanía na Escola. A zoqueira Elena Ferro e o construtor de instrumentos tradicionais de percusión Xosé Manuel Sanín achegáronse esta semana ata o CEIP da Pontenova para mostrarlles aos nenos e nenas os seus oficios, no marco das dúas primeiras unidades didácticas deste proxecto impulsado pola Xunta, das que son protagonistas.
Eu son zoqueira está dedicada á figura de Elena Ferro, unha artesá que conseguiu actualizar os zocos tradicionais e incorporalos como complemento de moda nas tendencias actuais a través de innovacións en deseños, materiais e cores e dunha traballada imaxe de marca que conecta coas novas xeracións a través das redes sociais. Elena Ferro é a titular de Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Na súa visita ao CEIP da Pontenova, Ferro faloulle ao alumnado sobre o proceso de creación deste calzado tradicional e a relevancia que tivo especialmente no ámbito rural ao longo da historia.
Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), protagoniza a segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola, Eu son artesán de percusión tradicional, centrada na historia e na elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta. Ante o alumnado da Pontenova, Sanín detallou o proceso e os materiais de construción deste instrumento, así como o seu papel na nosa cultura e no noso patrimonio inmaterial.
Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegar os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea e transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular. Por último, e a longo prazo, perséguese atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
A terceira das unidades didácticas chámase Eu son artesán de figuras de pan e está centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira).