A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, selou hoxe este acordo co alcalde, Francisco Quintela
A Xunta asina co Concello de Coirós o convenio para a humanización de espazos públicos nos núcleos rurais de Loureiros e Xora, cun investimento total de preto de 150.000€
O obxectivo é executar as obras necesarias para a mellora do estado do firme das vías deste dous lugares da parroquia de Santa María de Ois
O Goberno galego asumirá o 70% do orzamento, contratará e executará as obras; e o Concello aporta o 30% restante do investimento e corresponderalle o mantemento
A actuación forma parte do Plan Hurbe, programa do departamento que dirixe M. Allegue para apoiar ás administracións locais e cofinanciar distintos tipos de intervencións urbanísticas
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, asinaron esta tarde en San Caetano o convenio para executar as obras de humanización de espazos públicos nos núcleo rurais de Loureiros e Xora, na parroquia de Santa Maria de Ois, que suporán un investimento total de preto de 150.000 euros.
Estas actuacións, que se desenvolverán ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, serán financiadas nun 70% (103.666,36 €) polo Goberno galego, que ademais contratará e executará as obras.
O Concello de Coirós achegará o 30% restante do custe das obras (44.428,44€) e corresponderalle o mantemento e conservación.
O obxectivo é executar as obras necesarias para a mellora do estado do firme das vías dos lugares de Loureiros e Xora, incluíndo entre as actuacións a renovación dos pavimentos das vías, a posta a nivel das tapas con formigón e a limpeza de drenaxes lonxitudinais. Os traballos contarán un prazo de execución de catro meses.
O departamento que dirixe M. Allegue aposta, a través do programa do Plan Hurbe, pola colaboración cos concellos na mellora de contornas urbanas dos municipios galegos e nos equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.