Belén do Campo visita a Mesa de Cuestación sobre o lupus como motivo do Día Mundial desta enfermidade o domingo 10 de maio

A representante do Goberno autonómico destacou que datas coma estas son fundamentais para dar voz ás persoas que conviven coa enfermidade e para seguir construíndo unha sociedade máis informada, solidaria e comprometida coa saúde de todos e todas 

A Coruña, 8 de maio de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiu hoxe á mesa informativa e de sensibilización sobre o lupus instalada na Delegación da Xunta con motivo da celebración do Día Mundial do Lupus, que terá lugar o vindeiro domingo 10 de maio. Esta entidade foi a primeira asociación de Lupus en Galicia desde o anon 1997 e contan cun espazo cedido pola Xunta no espazo Amizar desde o ano 2022.

Esta iniciativa, promovida en colaboración con entidades e asociacións de pacientes, ten como obxectivo dar visibilidade a esta enfermidade autoinmune, achegar información á cidadanía e contribuír á concienciación social sobre o seu impacto na vida das persoas afectadas e das súas familias.

Durante a súa visita, Belén do Campo destacou “a importancia de seguir avanzando na sensibilización e no coñecemento do lupus, unha enfermidade complexa que require un diagnóstico precoz, acompañamento sanitario e apoio social continuado”.

A delegada puxo en valor tamén o labor das asociacións de pacientes, “imprescindibles para dar voz ás persoas afectadas, impulsar a investigación e mellorar a calidade de vida dos doentes”, e agradeceu o seu compromiso e traballo diario.

Así mesmo, subliñou a importancia de manter e reforzar a colaboración entre as administracións públicas, o sistema sanitario e o tecido asociativo para avanzar na detección temperá, no tratamento e na atención integral das persoas con enfermidades crónicas.

A mesa informativa permanecerá instalada na Delegación da Xunta ao longo do día, ofrecendo material divulgativo e asesoramento á cidadanía sobre o lupus, co fin de contribuír á súa mellor comprensión e visibilización social.

Belén do Campo concluíu lembrando que “datas como o Día Mundial do Lupus son fundamentais para dar voz ás persoas que conviven coa enfermidade e para seguir construíndo unha sociedade máis informada, solidaria e comprometida coa saúde de todos e todas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026