A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o delegado territorial da Xunta en Lugo visitaron hoxe a senda na que realizará a intervención

A Xunta investirá 120.000 € na reconstrución integral de tres pasarelas no río Loio ao seu paso por Paradela

Ángeles Vázquez salienta a importancia desta intervención para poñer en valor a ruta duns 7 km que atravesa o Espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira, o único deste tipo na provincia lucense e o máis extenso dos sete que hai en Galicia

A previsión é que os traballos para substituír as pontes de Pías, Portocaneiro e Sucastro, actualmente moi deterioradas, poidan comezar no vindeiro mes de xullo

Estes traballos enmárcanse no programa de actuacións da Consellería para mellorar o uso público e a conservación do patrimonio da Rede de espazos protexidos e doutras áreas naturais, cun investimento entre 2025 e 2026 de máis de 1,6 M€

Paradela (Lugo), 8 de maio de 2026

A Xunta de Galicia investirá un total de 120.172 euros nun proxecto para acometer a reconstrución integral de tres pasarelas peonís sobre o río Loio ao seu paso por Paradela, unha actuación que contribuirá á posta en valor e uso público do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Loio-Ruxidoira.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá á ruta de sendeirismo que discorre paralela ao río, un itinerario duns 7 quilómetros que permite percorrer o único ENIL que hai na provincia de Lugo e que tamén é o máis extenso dos sete declarados actualmente en toda a Comunidade —Xunqueira de Alba; Puxo do Lago; Gafos; Complexo duna e areal do Vao; Illas de san Pedro; Torre de Hércules e Loio-Ruxidoira—.

Tras explicar que a intervención prevista na zona contará con financiamento europeo procedente de fondos FEDER, a responsable autonómica avanzou que os traballos se desenvolverán entre este ano e o seguinte, con inicio previsto para o mes de xullo.

En canto aos traballos, a intervención consistirá na substitución das actuais pasarelas de Pías, Portocaneiro e Sucastro, actualmente nun avanzado estado de deterioro que impide percorrer a ruta do río Loio completa, por outras novas de tipo modular, lixeiras e atornillables, construídas en aceiro e parcialmente revestidas en madeira.

Con tal fin, os traballos incluirán a retirada dos restos das antigas estruturas (deterioradas e parcialmente derrubadas polo impacto das enchentes e os temporais dos últimos anos) e dos piares intermedios danados para evitar posibles atrancos de material arrastrado polo río. Ademais, instalaranse as tres novas pasarelas metálicas, reconstruiranse os estribos de pedra existentes danados por outros de formigón e acondicionaranse os accesos.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira incidiu en que o obxectivo principal, en definitiva, é adecuar a actual ruta do río Loio coa substitución das tres pasarelas danadas por unha solución construtiva máis resistente e duradeira que permita aos visitantes desfrutar dos valores naturais deste espazo protexido dunha forma sostible e plenamente integrada coa contorna.

Mobilidade sostible e turismo verde

Esta intervención enmárcase no programa de actuacións impulsado o ano pasado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con fondos europeos para mellorar o uso público e a conservación do patrimonio na Rede de espazos protexidos de Galicia e doutras áreas naturais de especial valor.

En concreto, entre as actuacións directas executadas polo departamento autonómico cómpre destacar a creación e mellora de sendas, como a prevista no ENIL Loio-Ruxidoira, así como traballos de acondicionamento sobre miradoiros, pontóns, pontes colgantes e aparcadoiros disuasorios, de sinalización de espazos naturais e outras accións de restauración ambiental.

De feito, a responsable autonómica cifrou en algo máis de 1,6 millóns de euros o investimento reservado polo seu departamento a este programa, contando tanto os 800.000 euros destinados o ano pasado á execución deste tipo de traballos como os 820.000 euros comprometidos en 2026 para novos proxectos.

Con este tipo de actuacións, a Xunta reforza a súa aposta pola mobilidade sostible, o sendeirismo e un turismo verde e respectuoso coa contorna, contribuíndo ademais á cohesión territorial e á dinamización do medio rural, en liña cos principios da marca Galicia Calidade, coa que se busca proxectar, tanto dentro como fóra do territorio, a imaxe de excelencia e de prestixio da Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026