A Xunta apoia a ruta moteira para concienciar sobre a saúde masculina que se celebrará o día 17 en Lugo
Lugo, 11 de maio de 2026
A Xunta de Galicia apoia unha nova edición en Lugo do evento mundial ‘The Distinguished Gentleman´s Ride’, que se celebrará o vindeiro domingo 17 de maio de forma simultánea en máis de 100 países. En España desenvolverase en 29 provincias, entre elas Lugo e, como novidade este ano, tamén A Coruña como segunda sede galega.
A iniciativa foi presentada esta mañá polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o organizador do encontro lucense, Eusebio Pajuelo. Ten por obxectivo recadar fondos e concienciar sobre a saúde masculina, especialmente doenzas como o cancro de próstata ou a saúde mental, en colaboración coa Fundación Movember.
Anímase aos participantes a vestir con elegancia e utilizar motos clásicas para compartir unha ruta non competitiva que partirá ás 12,00 horas da Ponte Romana de Lugo e chegará ata Portomarín, antes de regresar de novo á capital lucense.
As inscricións para participar e colaborar coa causa solidaria poden realizarse a través da web oficial do evento.