A Xunta renova a súa colaboración coas festas de San Isidro da Piringalla, en Lugo, que arrincan o xoves
O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación da celebración, que se prolongará ata o luns 18 con actuacións de varios grupos e orquestras, atraccións infantís e outras propostas para todos os públicos
Lugo, 11 de maio de 2026
A Xunta colabora un ano máis coas festas da Piringalla (Lugo), que se celebran dende este xoves – 14 de maio – ata o luns 18. As actividades están promovidas pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Isidro, presidida por Ricardo Varela.
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación dos festexos xunto con membros da comisión organizadora. Durante os cinco días actuarán diferentes grupos e orquestras e abrirán as atraccións infantís. Ademais, entregaranse os Bastóns de Ouro San Isidro 2026, realizarase unha solta de globos como símbolo da paz, celebrarase o X Campionato de Lanzamento de Pantuflas e desenvolveranse exhibicións de zumba.
As actuacións musicais correrán a cargo da orquestra Charleston Big Band - xoves ás 22.45 horas -; DJ Goteo e grupo Beatriz – venres á mesma hora -; dúo Estrellas e orquestra Cinema – sábado en igual horario.-; e a orquestra Solara, que animará a xornada do domingo – 13,30 e 19,30 h. -.
O luns 18 será o Día do Neno, polo que ademais de abrir os carruseis ofrecerase unha degustación gratuíta de chocolate con churros para o público infantil a partir das 20,30 horas.