A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático interveu no almorzo 'A xestión da auga: retos de futuro', organizado polo Executive Forum España

A Xunta salienta a importancia da colaboración público-privada para optimizar a xestión da auga en Galicia e avanzar no eido da sostibilidade

Ángeles Vázquez lembra que a comunidade conta cunha rede de 30.000 quilómetros de río, unha orografía complexa e máis de 10.000 núcleos de poboación, o que fai que a xestión requira dunha planificación rigorosa e acorde ás súas particularidades

Pon en valor que Augas de Galicia destina este ano un total de 89 M€ a avanzar na modernización da rede galega de infraestruturas hidráulicas

A conselleira destaca a relevancia de proxectos como AugaTech, que conta cun orzamento de 5 M€ para o deseño de ferramentas baseadas na intelixencia artificial e para crear un xemelgo dixital da Confederación Hidrográfica Galicia-Costa

Esta réplica dixital permitirá afondar no estudo das presións principais que soportan os ecosistemas fluviais e facilitará a toma de decisións ante episodios relacionados co cambio climático como as secas ou as choivas intensas

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

A Xunta de Galicia salienta a importancia da colaboración público-privada para optimizar a xestión da auga en Galicia e que a comunidade avance no eido da sostibilidade. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no almorzo A xestión da auga: retos de futuro, organizado polo Executive Forum España.

A responsable autonómica defendeu que esa cooperación é vital tendo en conta que a auga é un ben de primeira necesidade e un dereito básico e, ademais de ser esencial para a actividade económica de calquera sector, é un recurso natural imprescindible para o ecosistema, polo que é fundamental xestionalo de forma responsable e protexelo.

Nesa liña, lembrou que Galicia conta cunha rede de 30.000 quilómetros de ríos, unha orografía complexa, precipitacións por enriba da media nacional e máis de 10.000 núcleos de poboación, o que fai que a xestión da auga na comunidade sexa singular e requira dunha planificación moi rigorosa e acorde ás súas particularidades.

Por iso, incidiu a conselleira, en 2022 entrou en vigor a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga co obxectivo de avanzar na optimización da calidade da auga dos ríos e rías e garantir a protección da biodiversidade. Neste contexto, a Xunta realizou e está a executar importantes investimentos para contar con infraestruturas que lle permitan dar un salto cualitativo nos servizos de abastecemento e saneamento.

De feito, salientou que preto do 60% do orzamento de Augas de Galicia para 2026, un total de 89 millóns de euros, están destinados a obra pública co fin de avanzar na modernización da rede galega de infraestruturas hidráulicas, unha cuestión na que é fundamental a colaboración das empresas.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, destacou que, dadas as características da rede fluvial autonómica e a dispersión da poboación, é transcendental apostar pola innovación e recorrer ás ferramentas dixitais para a toma das mellores decisións. Un exemplo é o proxecto AugaTech, que conta cun orzamento de 5 millóns de euros para o deseño de ferramentas con intelixencia artificial para atender as consultas da cidadanía sobre a auga e para crear un xemelgo dixital da conca hidrográfica que permita realizar simulacións e avaliar escenarios para mellorar a xestión en distintos eidos.

Toma de decisións

Grazas a esta réplica dixital, parcial ou total, de cada río da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa poderase afondar no estudo das presións principais que soportan os ecosistemas fluviais como os vertidos, os usos do solo ou a vexetación de ribeira. Ao mesmo tempo, tamén facilitará a toma de decisións ante episodios relacionados co cambio climático como as secas ou as chuvias intensas.

Por iso, a representante da Xunta asegurou que as empresas galegas son un importante aliado nesta cuestión pois están a facer un gran esforzo investidor no eido da innovación co fin de contar con sistemas de tratamento de auga máis intelixentes, optimizando o funcionamento das redes de subministración e saneamento.

Todo isto, concluíu, facilita a captación de fondos europeos e o desenvolvemento de proxectos que permiten ofrecer ao conxunto da cidadanía uns servizos públicos cada vez mellores, o que contribúe a incrementar o benestar da poboación.

Data de actualización: 12/05/2026