O responsable de Sanidade participou nos actos conmemorativos do Día internacional da Enfermería que se celebraron na área sanitaria de Vigo
Gómez Caamaño destaca o impulso da Xunta ao emprego estable en enfermería coa realización esta primavera das probas para acceder a máis de 2.200 prazas
Destaca o labor imprescindible do persoal de enfermería, tanto no eido asistencial como no ámbito da saúde pública
O conselleiro incide en que as características da poboación galega esixen unha "enfermería forte" capaz de ofrecer respostas a pacientes pluripatolóxicos e con idades avanzadas
Os 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en atención primaria xa realizaron máis de 214.000 consultas e atenderon a máis de 177.000 pacientes en toda Galicia
Vigo, 12 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá en Vigo a aposta da Xunta co emprego estable dos profesionais de enfermería, lembrando as máis de 2.200 prazas que o Servizo Galego de Saúde ofertou esta primavera nas diferentes especialidade desta categoría.
Con motivo do Día Internacional da Enfermería, o titular de Sanidade participou na inauguración da xornada ‘As nosas enfermeiras, o noso futuro. As enfermeiras empoderadas salvan vidas’, que se celebrou no Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
Durante o acto, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o conselleiro subliñou o labor "imprescindible" dos profesionais de enfermería no sistema sanitario galego, tanto no eido asistencial como no ámbito da saúde pública
Neste senso, salientou que o Goberno galego está a realizar un esforzo sen precedentes para consolidar prazas estables no Servizo Galego de Saúde. Así, e como mostra deste impulso, puxo en valor as 2.240 prazas ofertadas polo Sergas esta primavera, con 1.980 prazas de enfermería xeral e 260 prazas máis para as súas diferentes especialidades: obstétrica-xinecolóxica, pediátrica, do traballo e familiar e comunitaria.
"O noso deber como administración é corresponder á vosa implicación con convocatorias amplas, procesos de estabilización e unha aposta firme pola especialización", referiu Gómez Caamaño.
Retos dunha poboación lonxeva e dispersa
O titular de Sanidade explicou que as singularidades de Galicia —cunha poboación onde máis do 26 % supera os 65 anos de idade— esixen unha "enfermería forte" capaz de ofrecer respostas a pacientes pluripatolóxicos e con idades avanzadas.
Segundo explicou o conselleiro, para atender a este escenario de avellentamento e dispersión, a Xunta conta con diferentes ferramentas entre as que destacou a Estratexia Galega de Saúde 2030, onde se prioriza a enfermería familiar e comunitaria.
Nesta liña, destacou a incorporación de 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en atención primaria, que xa realizaron máis de 214.000 consultas e atenderon a máis de 177.000 pacientes en toda Galicia.
Escultura en homenaxe ao persoal sanitario
No marco dos actos conmemorativos do Día Internacional de Enfermería, o responsable de Sanidade tivo palabras de gratitude para Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), pola doazón dunha escultura realizada polo Centro Integrado de FP Cantería de Galicia, de Poio.
Así, e na compaña da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o conselleiro participou no descubrimento dunha figura de pedra que, situada nos exteriores do hospital, homenaxea de xeito permanente o labor de coidado que desenvolve o persoal sanitario.
"Falar de enfermería é falar do coidado, da prevención e da base que sostén a todo un sistema sanitario", concluíu Gómez Caamaño, definindo aos profesionais como un referente de "proximidade, coñecemento e compromiso coa vida".