O delegado territorial de Pontevedra destaca o bo funcionamento do Bono remuda nunha visita a Sanxenxo
O programa conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, o que supón un 20 % máis que a convocatoria do ano pasado
Reguera visitou a librería Vidal de Vilalonga e a súa homónima de Portonovo e salientou a importancia do relevo xeracional e do comercio local para manter uns concellos vivos e prósperos
Pontevedra, 12 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá dous establecementos comerciais que se beneficiaron do Bono Remuda, unha iniciativa destinada a fomentar a transmisión de negocios economicamente viables e garantir a súa continuidade.
En concreto, Reguera coñeceu a librería Vidal de Vilalonga e a súa homónima na zona de Portonovo e destacou a importancia de manter un tecido comercial que “xere emprego, que faga barrio e que manteña a vitalidade dos nosos concellos”.
O Bono Remuda é un programa dirixido a persoas traballadoras autónomas no marco da orde unificada de apoios ao sector (dotada con 40,7 M€) e conta este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 20 % respecto á convocatoria anterior. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor esta “ferramenta clave para facilitar o relevo xeracional nos pequenos negocios, evitando o seu peche e promovendo novas oportunidades de emprendemento”.
A iniciativa estrutúrase en dúas liñas diferenciadas. Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, que subvenciona ata o 75 % do prezo do contrato de relevo. Por outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido a municipios de maior poboación, que cobre ata o 70 % do custo. En ambos casos, a contía máxima da axuda sitúase con carácter xeral en 30.000 euros, con determinadas excepcións recollidas na convocatoria.
O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral.