A Xunta lanza dúas convocatorias para promover a creación e difusión da danza co centro coreográfico e participar na ‘Quinzena de Almada’

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre ata o 25 de maio as inscricións para realizar tres espectáculos, cun investimento total de preto de 55.000€

Por outra banda, seleccionaranse ata catro pezas curtas para asistir ao prestixioso encontro portugués

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca por décimo ano consecutivo as compañías galegas de danza interesadas en coproducir espectáculos co Centro Coreográfico Galego, ao tempo que abre o prazo de solicitudes para seleccionar ata catro pezas para participar na Quinzena de Dança de Almada, en Portugal. Coas dúas iniciativas, a Xunta continúa a contribuír á profesionalización e difusión exterior do ámbitos da danza e das artes do movemento, en liña coas directrices marcadas no plan integral para o desenvolvemento do sector en Galicia.

Así, cunha dotación de preto de 55.000€, a convocatoria de coprodución impulsará a posta en marcha de tres novos espectáculos, dous deles para ser levados a cabo por profesionais ou compañías consolidadas con máis de cinco anos de actividade previa, mentres que o terceiro corresponderá a un proxecto artístico emerxente que non supere os cinco anos de traxectoria profesional. As bases de 2026 exclúen as compañías que xa foran adxudicatarias o ano pasado. Tampouco poderán optar na actual convocatoria os mesmos intérpretes ou equipos creativos participantes en máis de dous proxectos. Incorpóranse, ademais, criterios para lles dar prioridade ás compañías que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia.

As solicitudes poden ser presentadas ata o 25 de maio na sede electrónica da Xunta por persoas autónomas ou compañías dedicadas profesionalmente á produción. Unha comisión será a encargada de valoralas, de acordo cun baremo de puntuacións que terá en conta tanto criterios técnicos (memoria dos proxectos, a súa relevancia e interese cultural e artístico, e o apoio doutras institucións públicas ou privadas) como automáticos (plan de financiamento, traxectoria profesional e premios).

Cada unha das propostas seleccionadas poderá recibir ata case 15.000€ para a súa materialización mediante cadanseu contrato de coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais, sempre que esta achega non supere o 80% do orzamento total do proxecto presentado. Así mesmo, as estreas deberán levarse a cabo en 2027.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pretende con este programa do Centro Coreográfico Galego favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. As coproducións resultantes da última convocatoria, e actualmente en xira por diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia, son Alén, de Colectivo Glovo; 52-Blau, de iXa; e Saias do mar, de ArtístiKa Movemento.

II Foco Galicia Danza en Almada

Por outra banda, tamén ata o 25 de maio permanecerá aberto o prazo de presentación de proxectos para desenvolver un showcase na 34ª Quinzena de Danza de Almada International Dance Festival, certame de referencia no ámbito da danza contemporánea para toda Europa, que se desenvolverá do 1 ao 4 de outubro na devandita localidade portuguesa, próxima a Lisboa. Será a segunda ocasión na que a Xunta organiza e coordina un Foco Galicia Danza no encontro luso, a través do que se ofrece unha relevante plataforma de exhibición, diálogo e intercambio para a creación galega, promovendo a súa visibilidade ante profesionais internacionais, responsables de programación e públicos diversos.

Neste caso, a convocatoria está dirixida a compañías profesionais galegas de danza que desenvolvan traballos escénicos contemporáneos ou en diálogo con outros estilos como as danzas urbanas, tradicionais ou híbridas, e presenten unha peza cunha duración máxima de 20 minutos.

A selección de ata catro propostas será levada a cabo por unha comisión mixta composta por representantes da Quinzena de Almada e da compañía galega Colectivo Glovo, coa que se coordina este programa. Para a escolla valorarase a calidade artística e singularidade dos traballos, viabilidade técnica adaptada ao contexto do evento portugués, potencial de internacionalización e diversidade de linguaxes e enfoques.

O pasado ano exhibiron as súas creacións en Almada a través desta iniciativa Andrea Castro con Lola y los lamentos, iXa con Ollos cara adentro, La Guajira con Minguantes e Fran Sieira Compañía de Danza con Coreografías dun DeMente.

As  bases completas e o enlace ao formulario en liña para a inscrición están dispoñibles na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2026