Medio Rural inviste preto de 2,5 M€ no tratamento de enfermidades fúnxicas do piñeiro e repoboacións no concello de Cedeira
A conselleira María José Gómez visitou hoxe este municipio, onde se están a levar a cabo traballos para tratar a banda marrón por un importe que supera os 970.000 euros, no monte Capelada e Couce e no da Braxe
Os labores consisten na execución de rozas, rareos e podas das masas co obxectivo de mellorar o seu estado sanitario e co fin de reducir a competencia entre individuos e diminuír a sensibilidade ante pragas ou enfermidades
Tamén nesta localidade está contemplado un orzamento de 1,5 millóns de euros para rexenerar 228 hectáreas, un investimento que forma parte da partida de 2,5 millóns para realizar repoboacións en diferentes zonas do distrito forestal
María José Gómez destacou que estes traballos están enmarcados na aposta da Xunta pola loita contra a banda marrón do piñeiro, un compromiso que tamén se materializa co apoio a particulares afectados
O Goberno autonómico está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade e ao longo do 2026 actuarase en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas
Cedeira (A Coruña), 12 de maio de 2026
A Consellería do Medio Rural está a investir preto de 2,5 millóns de euros na realización de tratamentos de enfermidades fúnxicas do piñeiro e repoboación no concello coruñés de Cedeira. Así o avanzou hoxe a titular dese departamento, María José Gómez, nunha visita a terreos forestais deste municipio.
Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, a conselleira explicou que este orzamento inclúe, por unha banda, actuacións que se están realizando xa nesta localidade para tratar a banda marrón do piñeiro por un importe de algo máis de 970.000 euros. Estes traballos están a executarse no monte Capelada e Couce, de utilidade pública e titularidade do Concello de Cedeira; e no monte da Braxe, terreo patrimonial da comunidade autónoma de Galicia.
Tal e como expuxo a titular de Medio Rural, estes labores consisten na execución de rozas, rareos e podas das masas co obxectivo de mellorar o seu estado sanitario. Os traballos tamén contribúen a reducir a competencia entre individuos e a diminuír a sensibilidade ante o ataque de pragas ou enfermidades. Ademais disto, está a levarse a cabo unha selección xenética de árbores candidatas pola súa resistencia a estas doenzas.
Por outra banda, Gómez sinalou que este orzamento inclúe tamén un futuro investimento de 1,5 millóns para rexenerar 228 hectáreas nestes montes. Á súa vez, este montante forma parte da partida de 2,5 millóns que está a preparar a Consellería para realizar repoboacións con piñeiro bravo e rodais de frondosas, todas especies autóctonas, no Distrito Forestal I – Ferrol, co fin de substituír aquelas masas de piñeiro radiata que son máis susceptibles ás enfermidades fúnxicas. O obxectivo desta iniciativa é re-naturalizar estes montes empregando masas máis resilientes que poidan manterse con rexeneración natural.
Loita contra a banda marrón
María José Gómez destacou que todos estes traballos están enmarcados na aposta do Goberno autonómico pola loita contra a banda marrón do piñeiro, un compromiso que tamén se materializa co apoio a particulares afectados.
Neste contexto, a Consellería do Medio Rural está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade. Ao longo do 2026 actuarase en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas; ademais dos labores que se realizarán nos montes de xestión e utilidade pública afectados por esta enfermidade. Xa para rematar, a conselleira avogou pola posta en valor do monte galego dende unha perspectiva económica, social e ambiental, cunha xestión activa e sostible.