O presidente de Portos de Galicia destaca as medidas recollidas na tramitación da dragaxe do Lérez para preservar o marisqueo e critica o alarmismo
José Antonio Álvarez respondeu na Comisión 8ª do Parlamento dúas preguntas sobre as obras na ría de Pontevedra e o plan de renovación de pavimentos de pantaláns
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, destacou esta mañá, en resposta a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, as medidas que se recollen no proxecto e na tramitación ambiental das obras de dragaxe do Lérez para preservar os recursos marisqueiros. Neste sentido rexeitou “o alarmismo” que provocan manifestacións públicas que cuestionan a calidade dos áridos da ría pontevedresa e que non se corresponden cos datos recollidos nos informes técnicos.
Álvarez alertou do grave prexuízo socioeconómico que poden provocar este tipo de manifestacións para o sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra e insistiu na total transparencia da Xunta na tramitación do estudio de impacto ambiental que está a disposición de todos os interesados no proceso de información pública e que foi remitido a 30 organismos sectoriais e administracións competentes.
Preguntado polo impacto desta actuación sobre a actividade marisqueira, Álvarez Vidal puxo en valor “a riqueza produtiva e ecolóxica da zona na que se vai actuar” e indicou que a Xunta “establece todas as garantías ambientais, tanto no proxecto como na súa tramitación”, que incluíu os informes das direccións xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. Neles establécense as accións previas ao inicio das obras, como a extracción do marisco, a súa replantación no caso da talla non comercial, ou as compensacións económicas correspondentes, que se contemplan tamén no proxecto.
Finalmente, na súa resposta, José Antonio Álvarez reiterou que o ámbito da dragaxe circunscribirase ao dominio público portuario ao longo de 4,5 quilómetros na canle do Lérez e acceso aos peiraos de Pontevedra. A este respecto indicou que variar neste punto da tramitación a zona de actuación implicaría retrotraer ao inicio todo o procedemento, ademais de exceder o ámbito de competencia de Portos de Galicia.
600.000 euros para melloras en 10 dársenas
No transcurso da Comisión 8ª o presidente de Portos de Galicia contestou tamén a unha pregunta relativa ao plan de renovación de pavimentos de pantaláns en 10 dársenas autonómicas impulsado polo seu departamento. Sobre esta cuestión informou de que o ente público adxudicou o mes pasado as obras por importe de 600.000 euros e que os traballos redundarán na mellora dos pavimentos das instalacións flotantes de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes), Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.
A empresa adxudicataria das obras dispón dos dous primeiros meses de prazo de execución, correspondentes a maio e xuño, para o subministro dos materiais, mentres que os traballos nos portos iniciaranse no verán. En todo caso, o desenvolvemento das obras coordinarase coa actividade en cada caso para compatibilizar esta mellora coa normal operativa portuaria.
O presidente de Portos lembrou que este proxecto súmase a outros plans transversais para a execución de melloras de mantemento en diversas instalacións do sistema portuario galego. Neste sentido, destacou o plan de renovación de firmes portuarios no que o ente público investiu xa 3,2 millóns de euros nas dúas primeiras fases e licitará neste ano a terceira por importe de 3 millóns de euros máis.