Belén do Campo supervisa no Porto do Son a zona da futura senda peonil e ciclista que hoxe sae a exposición pública e que construirá a Xunta na AC-550
A representante do Goberno autonómico destacou que o proxecto conta cun investimento superior aos 2,6 millóns de euros, e permitirá mellorar a seguridade viaria e a mobilidade sostible en distintos núcleos do municipio ao longo de 4,2 quilómetros
O Porto do Son (A Coruña), 13 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a o alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron a zona na que o Goberno galego proxecta executar unha nova senda peonil e ciclista ao carón da AC-550, unha actuación destinada a reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade sostible no municipio.
Belén do Campo anunciou que hoxe mesmo a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someteu o proxecto a información pública, durante 30 días, tanto para os efectos previstos na Lei de estradas de Galicia como para os trámites expropiatorios. Para levar a cabo as obras será necesario expropiar 26 parcelas, cunha superficie total de 687 metros cadrados.
Segundo as previsións do departamento autonómico, o proxecto de trazado poderá quedar aprobado no terceiro trimestre do ano, mentres que o proxecto construtivo estaría listo no último trimestre. O prazo estimado de execución das obras será de 14 meses.
Durante o percorrido, puxeron en valor unha intervención que contará cun investimento autonómico superior aos 2,6 millóns de euros e que permitirá crear dous itinerarios independentes de uso compartido para peóns e bicicletas ao longo desta estrada autonómica.
A actuación foi aprobada provisionalmente polo Consello da Xunta para o seu sometemento a información pública e supón un novo paso no compromiso do Executivo galego coa mellora das comunicacións e da conectividade nos concellos costeiros.
O primeiro dos treitos previstos desenvolverase pola marxe esquerda da AC-550 entre Linteiros e A Gafa, ao longo de algo máis dun quilómetro, conectando coa zona onde comezan as beirarrúas que continúan ata Portosín.
O segundo itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía autonómica, entre Freixedo e O Campo do Prado, cun percorrido total de 3,2 quilómetros.
A delegada destacou que esta intervención “permitirá avanzar nun modelo de mobilidade máis segura e accesible”, ao tempo que favorecerá os desprazamentos a pé ou en bicicleta entre distintos núcleos do municipio.
A representante do Goberno autonómico valorou a importancia dunha obra “moi demandada polo alcalde e polos veciños” e que contribuirá a mellorar a seguridade dos peóns nunha estrada con elevada intensidade de tráfico.
No referente ás características técnicas, a senda proxectarase adxacente á estrada, mantendo o trazado actual da AC-550, cun ancho superior aos dous metros e unha beiravía dun metro. O pavimento será de formigón bicapa en cor terriza e incluiranse elementos de accesibilidade como pavimento podotáctil nos cruzamentos e nas paradas de autobús.
A actuación contempla tamén a execución de drenaxes, muros de contención e estruturas singulares para salvar os ríos Ornanda e Quintáns mediante pasarelas de 9 e 15 metros de luz, respectivamente.
Ademais, mellorarase a accesibilidade de seis paradas de autobús situadas ao longo do percorrido. Tres delas manteranse na súa localización actual, adaptadas ás novas condicións da senda, mentres que as outras tres serán recolocadas. Tamén se habilitarán apartadoiros e renovaranse os refuxios.
As actuacións previstas financiaranse con fondos do programa operativo Feder 2021-2027.
Con esta iniciativa, a Xunta continúa impulsando actuacións orientadas a unha Galicia máis vertebrada e conectada, apostando por infraestruturas que favorezan desprazamentos máis cómodos, accesibles e seguros.