Jacobo Sutil reúnese coa directora do 'Sacra Experience' para abordar os contidos do festival multidisciplinar que arranca o venres en Chantada
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe coa directora do festival Sacra Experience, Carlota Pérez, para tratar os contidos previstos para a octava edición da cita que conta co apoio da Xunta para despregar a partir de mañá en Chantada e ata finais de xuño unha ampla programación que abrangue danza, música, coloquios e actividades formativas.
Na xuntanza, na que tamén participou a coordinadora de Música e Danza da Axencia, Pilar Portela, púxose de manifesto o valor do encontro polo seu factor dinamizador do ámbito rural e pola cohesión comunitaria que acada a través da cultura. Co epicentro na aldea chantadina do Pincelo, Sacra Experience comeza esta fin de semana cunhas xornadas sobre museos o venres 15 e coa actuación da Compañía Colombiana de Danza Contemporánea do Incolballet o sábado 16. Continuará nas vindeiras semanas cunha variada carteleira artística na que figuran os concertos de Niño de Elche, Mercedes Peón, a actuación da bailarina Solange Marchant ou a proposta que une poesía, escena e música en directo con Su Garrido, Andrea Nunes e Colectivo Diversos