A directora xeral de Xuventude visitou hoxe o Acampamento O Courel, unha das instalacións onde se desenvolverán as accións
A Xunta abre hoxe o prazo para inscribirse no programa de actividades de verán para maiores de 18
Trátase dunha das modalidades da campaña ‘Modo Verán Activo’ na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca 160 prazas en cinco propostas
Lara Meneses destaca que é un “paquete específico de ocio educativo, alternativo e saudable adaptado a esta franxa de idade e que comezamos con éxito no 2024”
As propostas inclúen rutas pola natureza, visitas guiadas a lugares destacados de cada zona, obradoiros ou iniciativas de multiaventura
Folgoso do Courel (Lugo), 13 de maio de 2026
A Xunta de Galicia abriu hoxe o prazo para que os mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, poidan solicitar unha das 160 prazas do programa específico de actividades de ocio que oferta para este grupo de idade ao abeiro da campaña Modo Verán Activo. Así o anunciou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, durante unha visita ao Acampamento O Courel, unha das cinco instalacións onde se desenvolverán as propostas.
Así, tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “trátase dun paquete de actividades especificas de ocio educativo, alternativo e saudable adaptado aos intereses das persoas maiores de 18 anos”. Deste xeito, apuntou, “respondemos a outras necesidades máis acordes a esta franxa de idade cunha modalidade que comezamos en 2024 e que tivo un grande éxito”.
Neste senso, Lara Meneses lembrou que as iniciativas incluídas neste programa están destinadas a “mellorar as competencias e habilidades a través da educación non formal de maneira que os participantes coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia”. Ademais, especificou que é unha liña “que temos consolidada xa dentro dunha campaña que no cómputo global chega case ás 12.000 prazas, a maior cifra da historia, distribuída en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa do que falamos e o uso de instalacións xuvenís”.
As solicitudes nesta modalidade faranse ata o día 25 de maio mediante o formulario dispoñible no Portal de Xuventude, mentres que a adxudicación de prazas será por orde de inscrición.
Desde obradoiros tradicionais a proposta na natureza
O programa para maiores de 18 anos divide as súas prazas en cinco programas diferentes distribuídos en instalacións por toda Galicia e cunha duración de cinco días. Así, do 9 ao 12 de xullo Aventura na montaña ofrece 20 prazas con aloxamento no Hotel Piornedo, en Cervantes, para gozar da serra dos Ancares. A proposta inclúe rutas de sendeirismo pola contorna e obradoiros como un laboratorio creativo, outro de candeas artesanais ou un para crear con restos de plásticos.
Por outro lado, do 15 ao 19 de xullo a mocidade poderá optar no albergue xuvenil de Allariz á actividade Artesanía nas mans, en colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia. Trátase dunha iniciativa que conta con 40 prazas e que se centra en experimentar con varios tipos de arte tradicional galega, como os tecidos ou o barro, en diversos puntos da localidade, ademais de mergullarse na contorna natural do río Arnoia.
Outro opción é o Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel, que con 40 prazas pon a disposición dos participantes dúas quendas, unha do 15 ao 19 de xullo e outra do 22 ao 26 de xullo. Abrangue visitas guiadas con cata ao Pazo la Cuesta e ao Museo Xeolóxico de Quiroga, unha ruta no Val Cova de Ceza para iniciarse na espeleoloxía, ou barranquismo nas Aldonzas, entre outras accións.
Do 26 ao 30 de agosto Surf na Mariña, no campamento xuvenil A Devesa, en Ribadeo, programa visitas e rutas para descubrir a vila e a praia das Catedrais. Con 40 prazas posibilita realizar actividades de multiaventura e acuáticas como surf, bodyboard, escalada en rocódromo e outros xogos deportivos.
Tamén do 26 ao 30 de agosto a campaña recolle un campamento de 20 prazas no albergue de Laias, en Cenlle. Trátase de Ecoverán termal en Laias que convida a achegarse á contorna con visitas a Castro Leboreiro e ao Parque Nacional Peneda-Gerês, en Portugal, ademais de percorrer o barrio xudeo de Ribadavia ou realizar unha ruta polo río Miño e o casco vello de Ourense.