O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle na súa edición de hoxe os resultados das analíticas realizadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública
A Xunta publica a listaxe oficial de augas de baño para a tempada 2026, co récord de 506 zonas rexistradas
O informe do programa de vixilancia do ano 2025 conclúe que o 97,7 % das augas das zonas de baño galegas contan cunha calidade excelente ou boa
O censo incorpora por primeira vez en 2026 o río Madalena (Vilalba), o río Bubal-Vilaza (Monterrei) e, no Rosal, o río Miño-Eiras e as zonas de baño do Muíño das Aceñas e de Tamuxe
A Xunta incrementou este ano preto dun 15 % o investimento destinado á recollida das augas de baño, superando os 205.000 euros
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a listaxe de augas de baño correspondentes á tempada 2026, na que a comunidade galega contará con 506 zonas rexistradas e co que acada o seu récord histórico.
O informe do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia realizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública salienta a alta calidade das augas de baño, tanto continentais como marítimas, xa que en 2025 o 89,2 % das augas acadou a clasificación sanitaria de excelente e o 8,5 %, de boa.
Galicia mantén así unha porcentaxe maior de augas de baño marítimas e continentais de calidade excelente ca o conxunto de España e da Unión Europea. Segundo os últimos datos publicados, o 97,7 % das augas das zonas de baño galegas contan con calidade excelente ou boa.
Entre as novidades desta tempada 2026 atópanse a inclusión, por primeira vez, do río Madalena no concello de Vilalba, o río Bubal-Vilaza no concello de Monterrei, e, no concello do Rosal, o río Miño-Eiras e as zonas de baño do Muíño das Aceñas e de Tamuxe, no río Tamuxe.
A Xunta incrementou este ano preto dun 15 % o investimento destinado á recollida das augas de baño, acadando os 205.781,56 euros. A previsión é que o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia analice 5.000 mostras.
A vixilancia realizada polos técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública é de grande importancia dado que o uso recreativo das augas de baño pode supoñer perigos e riscos para a saúde. Así, a contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante afluencia que rexistran as praias, os ríos ou as lagoas.