Máis de 400 alumnos de FP de toda Galicia participan en Ourense nun ‘escape room’ inmersivo sobre a eclipse
Estudantes de 20 centros de FP realizan probas sobre ciberseguridade, fabricación 3D, montaxe de robots ou realidade virtual durante esta semana
A directora xeral de Formación Profesional destaca a destreza dos participantes nos distintos retos nunha visita ao Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros
Todos os participantes na iniciativa ‘Código Umbra: Operación Elipse’ recibirán unhas gafas para observala e o alumnado e os equipos clasificados obterán premios
Ourense, 13 de maio de 2026
Máis de 400 alumnos de Formación Profesional de toda Galicia participan esta semana nun escape room inmersivo sobre a eclipse, que se celebra no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros de Ourense. Trátase da iniciativa Código Umbra: Operación Eclipse, que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon a disposición da comunidade educativa para contribuír á divulgación deste fenómeno que terá lugar en agosto e, ao mesmo tempo, facilitar o desenvolvemento de competencias profesionais avanzadas.
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, destacou nunha visita hoxe a Ourense a destreza dos estudantes nos retos tecnolóxicos aos que se enfrontan e resaltou a calidade e a vangarda dos laboratorios, equipamentos e áreas de innovación do Eduardo Barreiros como escenario da experiencia.
Ao longo desta semana, participan nesta competición sobre a eclipse solar 20 centros de FP das catro provincias, vinculados ás áreas industrial-tecnolóxica, innovación-audiovisual, servizos ou exclusivo industrial. A través dunha metodoloxía de aprendizaxe activa, o alumnado participa nunha misión técnica e profesional simulada, na que se promove a implicación directa e a resolución práctica de situacións complexas.
Ao remate de cada xornada, o alumnado participante recibe unhas gafas homologadas para a observación segura da eclipse solar do próximo 12 de agosto como recordo da experiencia e elemento de conexión directa co acontemento astronómico que inspira a actividade. Ademais, entréganse trofeos aos tres primeiros clasificados, así como un recoñecemento adicional ao centro ao que pertenza o equipo gañador.
Deseño 3D, montaxe de robots ou localización de planetas
A iniciativa Código Umbra: Operación Eclipse é unha proposta que integra ciencia, tecnoloxía e aprendizaxe práctica nunha experiencia formativa de alto valor educativo. A través deste escape room inmersivo refórzase a identidade profesional do alumnado e promóvese unha aprendizaxe significativa, conectada coa realidade. Segundo a directora xeral de FP, esta actividade contribúe a visibilizar o potencial da Formación Profesional como vía innovadora e de futuro e tranforma un acontecemento científico relevante nunha oportunidade educativa aplicada.
Os retos nos que participa o alumnado son sobre ciberseguridade e biotecnoloxía, realidade virtual ou Sistema Solar. Como exemplo, cada equipo deseña e fabrica as súas propias gafas para ver a eclipse a través de bolígrafos e impresoras 3D, ademais de calquera outra peza ou accesorio que se lles ocorra. O alumnado colabora, tamén, para construír e montar un robot ou para identificar a localización de planetas a través de realidade aumentada.
Ademais de poñer en práctica competencias profesionais dos distintos ciclos formativos, esta actividade fomenta o traballo en equipo en contornas técnicas, a comunicación profesional, o pensamento crítico e a toma de decisións para resolver problemas.