A Xunta aborda coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial as melloras docentes para o vindeiro curso
A folla de ruta inclúe a reorganización da carga lectiva do profesorado e dos que exerzan funcións directivas para dedicar ese tempo a tarefas propias do posto
Tamén analiza a proposta de calendario escolar, cuxa versión definitiva se publicará os vindeiros días no Diario Oficial de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abordou hoxe coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial Docente a proposta para avanzar na mellora das condicións laborais do profesorado de cara ao curso 2026-27, así como o borrador de calendario escolar para que realizaran as achegas pertinentes como paso previo á súa publicación definitiva no Diario Oficial de Galicia.
No que atinxe ás condicións do profesorado, explicouse a folla de ruta centrada na reorganización do horario docente e o reforzo das funcións de dirección e titoría nos centros educativos, unha proposta que dá continuidade ao traballo desenvolvido no marco da Comisión de Seguimento do Acordo de 2023 subscrito coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF, co obxectivo de adaptar a organización á realidade actual.
A nova reconfiguración mantén a xornada laboral semanal de 37,5 horas dos docentes, ao igual que o resto persoal funcionario en Galicia. A finalidade é liberar tempo lectivo para outras tarefas tamén importantes como a atención ao alumnado e ás familias, a coordinación pedagóxica, o desenvolvemento de proxectos educativos ou a participación en protocolos e actuacións de centro. Tamén se incrementarán as horas de dedicación dos equipos directivos, co fin de reforzar as tarefas organizativas e de xestión e, por primeira vez, recóllese o recoñecemento específico do labor de titoría mediante unha hora.
Calendario escolar
Na reunión abordouse igualmente a proposta de calendario escolar para o curso 2026-27, de xeito que as organizacións sindicais puideran realizar achegas antes da súa aprobación. O borrador fixa o inicio das clases no 9 de setembro e o remate no 21 de xuño, agás no caso dos segundos cursos de FP Básica, Media e Superior, que concluirían o 15 de xuño.
A versión definitiva do calendario escolar publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), unha vez analizadas as achegas realizadas no marco da Mesa Sectorial.