O director de Turismo de Galicia presidiu hoxe o acto de gradación deste alumnos

O Centro Superior de Hostalería de Galicia forma a 24 novos chefs que se incorporan ao mercado laboral galego

Xosé Merelles puxo en valor o período de prácticas de tres meses que comezan noutros tantos restaurantes galegos de prestixio como nexo co tecido empresarial

Este curso contou cun selecto profesorado procedente do mundo da restauración e a enoloxía de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

O Centro Superior de Hostalería de Galicia vén de sacar ao mercado unha nova promoción de cociñeiros e cociñeiras que remataron este ano o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería. Trátase da segunda promoción da que un total de 24 alumnos e alumnas inician agora o seu período de prácticas tras recibir formación no centro dependente de Turismo de Galicia da man de prestixiosos profesionais do sector.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presidiu este mércores o acto de gradación, onde destacou “a aposta da Xunta pola formación especializada como ferramenta clave para seguir achegando talento e valor engadido ao sector turístico galego”. Ademais, puxo en valor a importancia da profesionalización no sector turístico, un dos eixes prioritarios da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e “unha liña de traballo que a Xunta impulsa desde hai máis de tres décadas a través do CSHG, centro de referencia na formación hostaleira e turística”.

Os alumnos e alumnas que rematan esta formación especializada obteñen unha titulación propia de posgrao da Universidade de Santiago de Compostela tras completar un programa intensivo que combinou formación teórica e práctica en áreas como a cociña de proximidade, gastronomía galega, cociña internacional, pastelería, panadería, chocolatería e novas técnicas culinarias.

Experiencias diferenciais de máxima calidade

O director de Turismo de Galicia destacou que “o turismo galego precisa profesionais altamente cualificados capaces de ofrecer experiencias diferenciais e de máxima calidade”, ao tempo que subliñou o bo momento do emprego turístico, cun incremento das contratacións no sector. Segundo os últimos datos da Seguridade Social, Galicia acadou en marzo de 2026 as 86.010 afiliacións en actividades relacionadas co turismo, un 3,9% máis que o ano anterior.

A formación contou coa participación de profesionais de prestixio do ámbito gastronómico como Xosé Cannas, Xavi Olleros, Iñaki Bretal, Miguel Fernández Vidal, Héctor López, Javier Rodríguez Ponte ou Marta e Roberto Filgueira, entre outros referentes do sector.

O alumnado iniciará agora un período de prácticas en empresas galegas durante tres semanas, completando así unha formación orientada á empregabilidade e á conexión directa co tecido empresarial turístico.

Xosé Merelles tamén destacou o esforzo realizado para facilitar o acceso á formación especializada. Nesta edición, o 37,5% do alumnado contou con bolsas de estudo, incluíndo axudas para persoas galegas residentes no exterior, bolsas de excelencia e bolsas ordinarias.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia supera xa os 3.000 profesionais formados desde a súa creación e este curso conta con 290 alumnos, un 19% máis que no ano anterior. Ademais dos estudos regrados, o centro ofrece formación complementaria en idiomas, competencias dixitais e restauración para mellorar a competitividade do sector turístico galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026