A Xunta avalía con representantes da infancia as novas medidas recollidas no anteproxecto da primeira Lei de violencia dixital

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacaron o papel da mocidade na construción dunha Galicia máis igualitaria

Os representantes do CAIA trasladaron algunhas das preocupacións da xuventude en materia de xénero e abordaron cos directores accións e iniciativas para seguir mellorando

Santiago de Compostela, 14 de maio do 2026

 O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, reuníronse con dous membros do Consello Autonómico da Infancia e da Adolescencia (CAIA), Beatriz Mariahn Comesaña e Iván Alejandro Cruz, para abordar algunhas das medidas recollidas no anteproxecto da primeira Lei de Violencia e Acoso Dixital de Galicia que ofrece especial protección á mocidade. 

Na xuntanza, ambos directores explicaron que o texto desta norma que impulsa a Xunta busca crear o primeiro marco normativo de España e de Europa na regulación dos delitos cometidos na rede e que atentan, principalmente, contra a mocidade, as mulleres e o colectivo LGBTI. Por iso, fixeron fincapé en que un dos eixos desta lei será o plan de formación para todos os axentes sociais que estean en contacto coas posibles vítimas, co obxectivo de dotalos de máis ferramentas e recursos para garantir a protección e as pautas de actuación ante estes delitos.

Deste xeito, tanto Roberto Barba como María Quintiana recalcaron a importancia de contar coa mocidade en todo este proceso, xa que son un dos colectivos máis vulnerables dos delitos en rede. Así, explicáronlle que o seu papel como representantes da infancia e da adolescencia galega é fundamental á hora de poñer en marcha esta norma e tamén cando estea vixente, pois son axentes esenciais na difusión das medidas de prevención e sensibilización, así como dos recursos de atención e protección.

Outras medidas

Na xuntanza, os representantes do CAIA aproveitaron tamén para trasladar aos directores algunhas das preocupacións da mocidade en materia de xénero, cuestións entre as que destacaron a educación afectivo sexual ou a perspectiva de xénero nos itinerarios educativos. Desta maneira, tanto Roberto Barba como María Quintiana expuxeron algúns dos recursos cos que conta a Xunta neste sentido, como os centros Quérote +, que desenvolven un papel fundamental no asesoramento para a construción de relacións afectivo sexuais igualitarias; así como,  os programas pioneiros nas aulas como O machismo é violencia, que levou aos institutos galegos a unha muller vítima de violencia machista para contar a súa situación e concienciar en primeira persoa.

Ademais, tamén abordaron outras cuestións como a seguridade das mulleres en determinados espazos públicos ao aire libre. Pola súa parte, os directores xerais explicaron que desde a Xunta se traballa inserindo a perspectiva de xénero en todos os novos proxectos, tal e como se pode ver na creación do aparcadoiro de camións de San Cibrao das Viñas, en Ourense, que contempla espazos seguros e diferenciados para as condutoras.

Outra das inquedanzas da mocidade que se trataron nesta reunión foi a necesidade de seguir promovendo novos referentes femininos en sectores como o deporte. Por iso, María Quintiana animounos a coñecer e difundir o papel da plataforma Presentes, unha iniciativa da Xunta pensada para dar voz a todas as mulleres profesionais de Galicia que desempeñan un papel fundamental en moitos sectores, algúns deles masculinizados, e que non teñen aínda o recoñecemento que lles corresponde.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2026