A Xunta apoia o II Descenso de Carrilanas que se celebrará na parroquia de Sante, en Trabada, o día 30

Os organizadores prevén reunir arredor de 70 participantes nesta proba, puntuable para a Copa Galicia e a Copa de España

Trabada (Lugo), 14 de maio de 2026

A Xunta renova o seu apoio á Asociación de Veciños San Xulián de Sante, de Trabada, na organización do II Descenso de Carrilanas, que se celebrará na parroquia o sábado 30 de maio. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento xunto a membros da entidade organizadora, entre eles o seu presidente, Miguel Linares.

A proba discorrerá por un itinerario de 2.150 metros, con saída desde o barrio do Castro e chegada ao barrio da Igrexa. O trazado destaca pola súa rapidez e dificultade técnica, con fortes pendentes e tres tipos de asfalto distintos ao longo do percorrido. Como particularidade, inclúe un punto radar nun dos tramos de maior desnivel, no que o ano pasado o vehículo máis rápido acadou os 93 quilómetros por hora.

O descenso será puntuable para a Copa Galicia e, como novidade desta edición, tamén para a Copa de España. O encontro iniciarase ás 11,30 horas coas verificacións técnicas dos vehículos e ás 16,30 horas dará comezo a baixada das carrilanas. Os organizadores prevén reunir arredor de 70 participantes.

Recibirán premios os tres primeiros da clasificación xeral, así como os tres mellores en cada unha das dez categorías establecidas segundo as características dos vehículos. Tamén haberá recoñecementos especiais para a carrilana máis espectacular e para a máis rápida no punto radar.

A xornada incluirá ademais unha comida popular con paella no pavillón polideportivo, aberta a todas as persoas interesadas. O prezo xeral é de 22 euros, de 20 euros para socios e participantes no descenso, e gratuíto para menores de seis anos.

As inscricións para as distintas actividades permanecen abertas ata o 27 de maio e poden formalizarse no Teleclub de Sante ou a través do teléfono  636 024 263.

Arias puxo en valor o traballo da asociación veciñal de Sante para consolidar unha cita “que combina deporte, convivencia e dinamización do rural”, e destacou “a capacidade deste tipo de iniciativas para atraer visitantes, xerar actividade económica e contribuír á promoción turística do territorio”.

Data de actualización: 14/05/2026