Arias destaca que a Xunta colabora coa Federación de Librarías de Galicia para impulsar as Feiras do Libro

Lugo, 14 de maio de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Federación de Librarías de Galicia para facer posible a programación das Feiras do Libro que percorren a comunidade entre os meses de abril e agosto, recalando estes días en Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe os postos, que permanecerán instalados na Praza Maior da cidade ata o próximo domingo. Explicou que as feiras regresarán á provincia en agosto para pechar o calendario, en Viveiro entre os días 13 e 19, Foz do 20 ao 23, e Monforte de Lemos do día 26 ao 29. 

Arias sinalou que o impulso ás feiras enmárcase no apoio do Goberno galego ao sector do libro e á aposta por seguir promovendo hábitos lectores entre a poboación galega, que se sitúan en índices superiores aos estatais. Ao respecto, lembrou que o Plan de Dinamización da Lectura de Galicia recolle 115 medidas a desenvolver ata 2029 e unha inversión de máis de 60 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2026