Expertos en astronomía formarán a docentes de centros galegos sobre o alcance da eclipse de agosto

A Xunta organiza a xornada formativa ‘Astronomía sen etiquetas’ este sábado na Cidade da Cultura, con máis de 120 inscritos

Entre os relatores están Enrique Pérez Montero, científico invidente do CSIC especializado en divulgación científica inclusiva, Juan Marcos Álvarez Merinero ou Eduardo Ojero Pascual, ambos vinculados á Axencia Espacial Europea

Haberá unha mesa de debate entre as agrupacións astronómicas galegas: Agrupación Io, Asociación Sirio, A. Astronómica Rías Baixas, AstroVigo e Grupo Vega

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026

Expertos en astronomía, xeointelixencia e teledetección satelital espacial impartirán formación a docentes de centros educativos galegos sobre a eclipse que terá lugar no mes de agosto e que será especialmente visible en Galicia. A Xunta organiza este sábado na Cidade da Cultura unha xornada formativa con conferencias e obradoiros, dentro das accións de divulgación deste fenómeno entre a comunidade educativa.

A xornada Astronomía sen etiquetas. Explorar o ceo desde os Polos Creativos, á que xa se inscribiron 120 docentes, propón ser espazo de encontro, reflexión e divulgación arredor da astronomía, nunha aproximación ao coñecemento do Universo desde as distintas perspectivas científicas, tecnolóxicas, sociais e didácticas.

Nesta xornada formativa participarán relatores de prestixio como Enrique Pérez Montero, investigador invidente do Instituto de Astrofísica de Andalucía do Consello Superior de Investigacións Científicas, especializado no estudo das galaxias e na divulgación científica inclusiva, ou Juan Marcos Álvarez Merinero, educador do proxecto PARTNeR da NASA, ademais de formador na Axencia Espacial Europea (ESA), e especialista no uso pedagóxico da teledetección espacial e o procesamiento de imaxes satelitales. 

Eduardo Ojero Pascual, enxeñeiro e investigador no ámbito aeroespacial vinculado tamén á ESA, é outro dos relatores destas xornadas, un profesional centrado en exploración planetaria e no desenvolvemento de novas tecnoloxías para o sector aeroespacial. Completa a listaxe de conferenciantes Marcos Pérez Maldonado, director da Casa das Ciencias da Coruña, cunha traxectoria vinculada á comunicación da ciencia e á promoción de actividades educativas para achegar a ciencia á cidadanía.

Relatores de prestixio

Conferencias, mesas de debate e obradoiros prácticos forman parte do programa, nun intercambio de experiencias que procura a aplicación práctica dos coñecementos. A inauguración da xornada será ás 09,30 horas. De seguido terá lugar a conferencia inaugural O proxecto astroaccesible, unha achega accessible á astronomía, que correrá a cargo de Enrique Pérez Montero. Juan Marcos Álvarez Merinero impartirá a conferencia titulada Xeointelixencia e teledetección satelital espacial.

Por outra banda, Fátima Mª García Doval, xefa de Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, explicará a actividade Polos Eclipsados, un programa que converte a eclipse nunha oportunidade para mellorar os coñecementos científicos do alumnado.

Na segunda parte da mañá haberá unha mesa de debate das agrupacións astronómicas galegas: Agrupación Io, Asociación Sirio, A. Astronómica Rías Baixas, AstroVigo e Grupo Vega. A continuación, o experto en grandes misións espaciais europeas Eduardo Ojero Pascual falará sobre O imperio do Sol e Marcos Pérez Maldonado impartirá a conferencia Eclipses: terror, fascinación e aprendizaxe.

Tarde de obradoiros

Pola tarde haberá cinco obradoiros simultáneos en dúas quendas, de modo que cada participante poida asistir a dous deles. Estes espazos prácticos versarán sobre a exploración táctil do universo, aprender mirando o ceo, Galicia desde o espazo, o espazo en 3D ou instrumentos de exploración: o astronógrafo. Ademais dos expertos dos relatorios, impartirán os obradoiros Carmen Álvarez Seoane, Félix Sánchez-Tembleque Díaz-Pache e Juan Carlos Asensi Marzal. O peche da xornada terá lugar ás 17,30 horas.

Data de actualización: 14/05/2026