A Xunta pon en valor a 15ª feira de oportunidades Pink Noia que terá lugar esta fin de semana
Noia (A Coruña), 14 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación da 15ª Feira de oportunidades Pink Noia, organizada pola asociación de comerciantes Noia Histórica co apoio da Xunta. Alí, celebrou que un total de 32 establecementos vaian estar presentes nesta cita que terá lugar entre mañá e o domingo 17 de maio.
Alén lembrou que a orde deste 2026 dirixida aos centros comerciais abertos busca reforzar a súa excelencia e capacidade de dinamización a través de iniciativas coma esta, ou como a campaña Ola Primavera que animaba a mercar en abril en ata cinco tendas diferentes para conseguir unha cadeira de praia e que se resolverá o sábado coa entrega pertinente á clientela implicada. Facendo alusión ás actividades paralelas organizadas co gallo de Pink Noia, o director xeral aproveitou tamén para salientar a suma de sinerxías que contempla o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para asegurar a posta en valor e futuro do sector.