Lorenzana traslada ao presidente da Deputación de Ourense os avances da Xunta no desenvolvemento de solo empresarial na provincia

A conselleira lembra que as obras do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e pendentes de recepción por parte do Concello

En total, en Ourense hai en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de m2 en polígonos industriais cun investimento de 126 millóns de euros

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá en San Caetano unha reunión de traballo co presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, xunto coa vicepresidenta primeira Marta Nóvoa para abordar as actuacións que está a desenvolver a Xunta en materia de solo empresarial nesta provincia.

Así, lembrou que o Goberno galego atende a demanda de Ourense con máis solo industrial para impulsar a implantación de novas industrias ou que as existentes poidan incrementar a súa capacidade produtiva.

Nesta liña, Lorenzana explicou que as obras para ampliar nun 40 %, ata os 414.000 m2, a superficie do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e pendentes de recepción por parte do Concello. Ademais, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento doutros parques como é o caso de San Cibrao das Viñas do que hoxe mesmo se adxudicaron as obras de urbanización; ou a ampliación de Pereiro de Aguiar, para a que xa se licitou o contrato de expropiación dos terreos. Tamén se está a avanzar nos polígonos de Carballiño-Maside ou Paderne de Allariz.

En total, en Ourense están en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de metros cadrados en polígonos industriais cun investimento de 126 M€.

A conselleira explicou que se trata de reforzar a capacidade de Galicia para competir na captación de investimentos, apoiar o crecemento das empresas que xa están implantadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico na Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026