O presidente da Xunta participa no acto polo 25 aniversario deste centro público
Rueda pon ao Hospital do Salnés como exemplo do éxito do modelo comarcal na súa aposta pola "proximidade e a excelencia"
Destaca a súa capacidade para evolucionar e modernizarse sen perder a humanidade que o caracteriza
Lembra que o hospital triplicou o seu cadro de persoal desde a súa apertura, pasando de 187 profesionais no 2001 aos preto de 500 que prestan servizo na actualidade
Resalta a aposta estratéxica pola proximidade, permitindo que os máis de 75.000 veciños e veciñas da comarca sexan atendidos preto das súas casas
Reitera o compromiso da Xunta coa sanidade pública, lembrando fitos como a próxima posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia ou a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 14 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto conmemorativo do 25 aniversario do Hospital do Salnés, onde reivindicou o papel fundamental dos hospitais comarcais como garantes da “proximidade e a excelencia” na actividade asistencial.
Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, definiu o centro público como "unha das xoias da coroa" do Servizo Galego de Saúde (Sergas), destacando a súa capacidade para evolucionar e modernizarse sen perder a humanidade que o caracteriza.
Así, puxo en valor o crecemento exponencial do centro, que pasou de contar con 14 especialidades e 187 profesionais nos seus inicios no ano 2001 a ofrecer preto de 20 especialidades e contar cun cadro de persoal de case 500 traballadores. Todo para atender a unha poboación de 75.000 persoas de seis concellos, cifra que se incrementa notablemente durante os meses de verán. De feito, neste cuarto de século, o centro superou o millón de urxencias e os 1,8 millóns de consultas externas.
Como exemplo desa “proximidade e accesibilidade” que caracterizan ao hospital, Rueda fixo especial fincapé na incorporación de servizos clave como a oncoloxía médica no ano 2020, o que permite que os pacientes reciban tratamentos complexos sen necesidade de desprazarse a Pontevedra ou Vigo.
Referente en innovación
O titular do Executivo galego tamén quixo destacar a capacidade de innovación do Hospital do Salnés, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, conta con máis de 40 investigadores e sitúase entre os 20 mellores centros de España en produción científica de urxencias. Un espírito de mellora que Rueda vencellou ás constantes obras de modernización que desde 2011 permitiron ampliar áreas como as urxencias e a capacidade cirúrxica, facilitando o traballo dos profesionais.
O Salnés consolidouse tamén como un referente en Galicia polo seu modelo de parto respectado e nacementos na bañeira —modalidade na que se realizaron 750 partos dos máis de 11.800 rexistrados—, converténdose nun centro de elección para mulleres de toda a comunidade.
No acto, o presidente reiterou o compromiso da Xunta coa sanidade pública, lembrando fitos como a próxima posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que fará pioneira á comunidade, ou a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía, cun investimento público de 19 millóns de euros.