A Xunta converte a eclipse nunha oportunidade para mellorar o coñecemento científico no ensino
Máis dun centenar de docentes participan na xornada formativa ‘Astronomía sen etiquetas’, con relatores como Enrique Pérez, especializado en divulgación científica inclusiva, o Juan Marcos Álvarez e Eduardo Ojero, ambos vinculados á ESA
Román Rodríguez destaca a implicación do profesorado nunha formación chave para transmitir ao alumnado, non só o alcance da eclipse de agosto en Galicia, senón tamén coñecementos sobre astronomía, astrofísica e exploración do ceo
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026
A transmisión ao alumnado galego de coñecementos científicos para comprender a dimensión da eclipse que terá lugar en agosto e tamén nocións sobre astronomía ou astrofísica son os obxectivos da xornada formativa Astronomía sen etiquetas: explorar o Ceo desde os Polos Creativos organizada hoxe pola Xunta. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a implicación do profesorado con máis dun centenar de asistentes, o que permite converter este fenómeno nunha oportunidade para mellorar o coñecemento científico no ensino, tanto do alumnado como dos propios docentes.
A xornada, que se integra na programación da Xunta co gallo da eclipse total, serve de espazo de encontro, reflexión e divulgación nunha aproximación ao coñecemento do Universo desde distintas perspectivas científicas, tecnolóxicas, sociais e didácticas. Conferencias, mesas de debate e obradoiros forman parte do programa, nun intercambio de experiencias que procura a aplicación práctica dos coñecementos.
Encárganse das conferencias relatores de prestixio como Enrique Pérez Montero, investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía do Consello Superior de Investigacións Científicas, especializado no estudo das galaxias; Juan Marcos Álvarez Merinero, educador do proxecto PARTNeR da NASA, ademais de formador na Axencia Espacial Europea (ESA), e Eduardo Ojero Pascual, enxeñeiro e investigador no ámbito aeroespacial vinculado tamén á ESA. Súmase á listaxe Marcos Pérez Maldonado, director da Casa das Ciencias da Coruña, cunha traxectoria vinculada á comunicación da ciencia e á promoción de actividades educativas para achegar a ciencia á cidadanía.
Complétase a xornada cunha mesa de debate das agrupacións astronómicas galegas: Agrupación Io, Asociación Sirio, A. Astronómica Rías Baixas, AstroVigo e Grupo Vega, e con obradoiros sobre exploración táctil do universo, aprender mirando o ceo, Galicia desde o espazo, instrumentos de exploración como o astronógrafo ou o espazo en 3D.