O presidente da Xunta participou hoxe na entrega das Medallas Anfaco 2026
Rueda destaca o liderado da cadea mar-industria galega como un sector potente e innovador que leva o selo Galicia Calidade por todo o mundo
Resalta a importancia do mar para a economía e historia galegas e o apoio da Xunta para que esta actividade económica medre de xeito sostible, moderno e competitivo
Máis da metade da produción e exportación de produtos pesqueiros de España faise desde a comunidade e que o sector xera 50.000 empregos
O Goberno galego vén de remitir á CE as alegacións de Galicia ao Regulamento de Costas do Estado que alteraría os requisitos e prazos de concesións no litoral
Vigo, 15 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o liderado da cadea mar-industria galega, un sector potente, innovador, que xera riqueza e emprego na comunidade e que leva a marca Galicia Calidade por todo o mundo, algo “que nunca podemos perder”.
Durante o acto de entrega das Medallas Anfaco, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o presidente agradeceu a Anfaco-Cytma a súa interlocución e rigor, salientando o compromiso do Goberno galego co sector e con “seguir mantendo este tesouro que temos”.
Nesta liña, Rueda afirmou que “para vivir no mar tamén hai que vivir do mar”, resaltando a súa importancia para a economía e historia galegas. Cómpre lembrar que Galicia é líder nacional na transformación de produtos do mar, que o 55 % da produción e exportación destes alimentos prodúcese desde empresas galegas e que se trata dun sector que xera 50.000 empregos, directos e indirectos, na comunidade.
O titular do Executivo galego tamén fixo fincapé no apoio da Xunta para garantir o futuro desta importante actividade económica e avanzar por unha industria máis sostible, moderna e competitiva.
O Goberno autonómico destina este ano 14 millóns de euros a axudas directas para que as empresas melloren a súa competitividade, ultima a elaboración do Plan director da industria da alimentación e aposta por unha xestión do litoral na que se dean certezas e seguridade ás empresas que teñen algunha concesión na costa.
No que respecta ás competencias do litoral, a Xunta vén de reenviar á Comisión Europea as alegacións formuladas por Galicia á reforma do Regulamento de Costas que prepara o Goberno central e que vai alterar os requisitos á hora de acceder a unha concesión no dominio público marítimo-terrestre e mesmo modificar prórrogas xa aprobadas.
Os premiados
O presidente agradeceu o labor a prol da industria da transformación de produtos de mar que realizan desde hai anos os premiados coas Medallas Anfaco 2026. A medalla de Ouro recaeu na Axencia Europea de Control da Pesca, organismo que se encarga de garantir que se realiza unha actividade pesqueira sostible e en igualdade de “condicións e intensidade”.
A medalla de prata foi para o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, do que Rueda salientou o seu papel á hora de colaborar e promover a cadea mar-industria deste o porto de Vigo, un dos motores económicos de Galicia.
Por último, Anfaco-Cytma recoñeceu este ano o papel de tres mulleres que traballan desde hai case 70 anos en conserveiras da comunidade, unha labor que o presidente definiu como “insustituible”. O galardón foi para María Vitoria Piñeiro, María Mercedes Villanuestre e María Jesús Batalla.