A Xunta lanza unha nova convocatoria de 1 M€ para facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte
A medida, posta en marcha o pasado ano, cobre os gastos de obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de condución das clases C e D
Quérese así mellorar a empregabilidade dun sector da poboación, ademais de contribuír a paliar a escaseza de condutores para determinados vehículos
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria da orde de axudas para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como dos permisos de condución das clases C e D.
A iniciativa, posta en marcha o ano pasado, volve estar dotada con un millón de euros, co obxectivo de facilitar a incorporación de condutores profesionais ao mercado laboral. Búscase así darlles resposta ás queixas recorrentes do sector do transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais esixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos.
A orde inclúe dúas liñas. Unha delas destínase a subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvencionará a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1, D1+E.
O importe máximo a percibir por persoa, tendo en conta o custo medio dos cursos e da obtención dos permisos, será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e/ou D+E como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de ampliación ou promoción, para os que xa teñen a cualificación inicial nunha das dúas categorías e desexan obter outra, a contía máxima será de 300 euros, mentres. Na segunda liña destinada á obtención dos permisos de condución das clases C e D, no suposto de obter varios permisos da mesma ou distinta clase, o importe máximo subvencionable será de 2.400 euros. Estas contías non poderá superar, en ningún caso, a cantidade total aboada pola persoa beneficiaria para a realización dos cursos ou para obter os permisos de condución correspondentes. No suposto de solicitar varias liñas, o importe máximo subvencionable será de 3.900 euros por alumno.
As solicitudes poderán presentarse, directamente polos propios interesados, a partir do sétimo día hábil seguinte a esta publicación das axudas no DOG e ata o 30 de setembro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Período subvencionable
O período subvencionable comprende desde o 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro do 2026, ambas as datas incluídas. Neste período as persoas solicitantes deberán superar os cursos de formación CAP e obter os permisos de condución correspondentes, para ter dereito a percibir a axuda. O pagamento dos mesmos tamén deberá realizarse dentro do período subvencionable e non se admitirán pagamentos realizados en efectivo.
As persoas interesadas en acceder ás axudas da liña para obter o CAP terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional durante o período subvencionable. Non será preciso superar o exame CAP para recibir o pagamento da axuda. Porén, deberán intentar aprobar o exame presentándose a un mínimo de catro convocatorias no prazo dun ano desde o remate do curso, salvo que superen o exame nas convocatorias anteriores. En caso contrario, as persoas beneficiarias deberán reintegrar o 20% do importe da axuda percibida.
Por outra banda, para ser persoas beneficiarias da liña 2, haberá que obter un ou varios dos permisos de condución das clases, C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1, D1+E durante o período subvencionable.
Co lanzamento desta convocatoria, a Xunta quere mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, e promover a súa incorporación ao mercado laboral. De xeito simultáneo, inténtase paliar a escaseza de condutores profesionais, problema xeneralizado nas empresas de loxística da Unión Europea.