Os clubs de ciencia da Xunta afondan nas oportunidades de aprendizaxe que abre a eclipse

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou hoxe a I Xornada de Clubs de Ciencia. Máis  de 200 docentes que coordinan a iniciativa nos seus respectivos centros participan neste encontro, no que intercambian experiencias e afondan no fenómeno científico do ano, a eclipse solar do vindeiro mes de agosto. Para iso, cóntase  co relatorio inaugural do astrofísico Borja Tosar sobre este evento astronómico, así como cunha charla do director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Jorge Regueiro, sobre os materiais didácticos elaborados e difundidos pola Xunta para a ocasión.

A representante do departamento educativo do Goberno galego agradeceu a implicación dos centros participantes neste programa, un total de 255 este curso, para promover a cultura científica e as vocacións STEM entre o alumnado. Neste sentido, destacou a utilidade deste tipo de actividades para estimular a investigación e a experimentación entre os máis novos. Non en balde, a xornada de hoxe inclúe non só conferencias e obradoiros de boas prácticas, senón tamén unha actividade de laboratorios vivos na que se amosan prácticas e experimentos cunha aplicación potencial nos centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026